XUNTA DE GOBERNO

O Concello reparará e adaptará á normativa vixente os parques infantís e os circuítos biosaudables do municipio

14/11/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o inicio do expediente para contrata ro servizo de reparación e adaptación á normativa vixente das áreas de xogos infantís e circuítos biosaudables. Tamén se aprobou o proxecto de traslado da caseta da antiga oficina de turismo da praza de Galicia, na que agora se construirá un parque.x

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, este proxecto de reparación e adaptación dos parques ten un tipo de licitación de 103.000 euros e un prazo de execución de 3 meses. Afectará a uns 50 parques do municipio, tanto da zona urbana como do rural, do total de 72 cos que conta o municipio. Non se incluíran os novos, que xa están plenamente adaptados á normativa.

Tamén en materia de parques, e por mor da construción dun novo na praza de Galicia, será trasladada a antiga oficina de turismo situada neste espazo. A caseta será levada agora á zona verde de Tras Parlamento, a carón da rúa Ramón Piñeiro.

María Pardo tamén fixo referencia na súa comparecencia á aprobación nunha Xunta de Goberno extraordinaria previa do inicio do expediente para contratar o servizo de mantemento, conservación e mellora das zonas verdes da cidade, por un importe de preto de 3,5 millóns de euros anuais. A licitación está pendente de publicación no BOP.

Axudas para 51 vivendas
O Goberno local aprobou inicialmente axudas para 26 vivendas da área de rehabilitación do Casco Histórico, incluídas na 13ª fase do convenio entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello, con cargo á anualidade 2015, por importe de 208.918 euros.

Noutra das áreas de rehabilitación integral (ARI), a de Vista Alegre, deuse o visto bo inicial a axudas para 25 vivendas, neste caso por 199.877 euros e no marco da 6ª fase do convenio entre as devanditas institucións e con cargo á mesma anualidade 2015.

Convenios sociais e culturais
Na mesma sesión deuse conta da sinatura de 24 convenios con entidades sociais: Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), 3.000 euros; Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, 3.500 euros; Asociación Galega de Lupus (AGAL), 2.000 euros; Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), 3.000 euros; Asociación Síndrome de Down Compostela, 6.400 euros; Centro Cultural Social Xoán XXIII – Albergue, 40.000 euros; Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, 7.300 euros; Fundación Andrea, 3.000 euros; Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), 4.600 euros; USC- Programa Ruptura de Parella, 51.000 euros; Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), 3.700 euros; Fundación Secretariado Xitano, 20.000 euros; Cociña Económica de Santiago, 42.000 euros; Voluntarias da Caridade San Vicente de Paúl, 4.600 euros; Cáritas Diocesana de Santiago – Programa Atención Primaria, 70.000 euros; Cruz Vermella, 22.000 euros; Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES GALICIA), 2.700 euros; Asociación de Dano Cerebral Compostela (SARELA), 2.000 euros; Banco de Alimentos Rías Altas, 12.000 euros; Asociación "Itinera" de Voluntarios en Saúde Mental, 2.000 euros; Centro Cultural Social Xoán XXIII – Programa Xuntos Podemos, 3.000 euros; Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home, 42.000 euros; Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, 3.000 euros; e Cáritas Diocesana de Santiago – Programa Vagalume, 34.000 euros.

Tamén se informou doutros tres convenios, neste caso con entidades do ámbito cultural: Agrupación Cultural O Galo, 2.500 euros; Padroado da Casa da Troia, 3.600 euros; e Asociación Cultural Cidade Vella, 9.180 euros.

Subvencións ao deporte federado
A proposta do concelleiro de Deportes, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado do ano 2013. O edil dará unha conferencia de prensa para informar do reparto.

Seguindo co deporte, acordouse conceder á Agrupación de Deportistas Veteranos o uso de pavillóns municipais para a temporada escolar de fútbol sala 2013-2014.

Documentos relacionados



Compartir: