CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Vive o Nadal 2013" programa 200 accións en 37 centros socioculturais e outórgalle un protagonismo especial á maxia

14/11/2013 A Concellería de Centros Socioculturais pon en marcha unha nova edición de Vive o Nadal, cunha variada proposta de actividades socioculturais que comezan xa neste mes de novembro e que terán continuidade ata os primeiros días de xaneiro de 2014. Serán máis de 200 accións distintas en 37 centros socioculturais. Ademais, o programa conta novamente cun servizo de actividades matinais de conciliación para as familias compostelás, con 195 prazas repartidas entre oito centros socioculturais.

Segundo explicou o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, o obxectivo deste Vive o Nadal 2013 é "complementar a oferta habitual de actividades e servizos dos centros socioculturais, na contorna das festas de Nadal e no período das vacacións dos escolares, así como achegar ao público familiar unha oferta de actividades de lecer diversa, poñendo en valor a convivencia, o encontro e as relacións humanas". O edil presentou o calendario de actividades acompañado por Francisco Rodríguez, de Don Bosco; o Mago Xacobe; e a técnica Mª Carmen de la Cruz.

O programa inclúe un ano máis un servizo de actividades matinais de tempo libre como apoio para as familias compostelás, que se desenvolverá en oito centros socioculturais: Vite, Conxo, Santa Marta, As Fontiñas, Nemenzo, Marrozos, A Gracia e Figueiras, cun total de 195 prazas para rapaces e rapazas de distintas idades.

Nos sete primeiros centros citados celebraranse as Mañás de Nadal "Un Nadal de conto" os días 23, 26, 27, 30 de decembro e 2, 3, 7 e 8 de xaneiro de 2014, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Cada centro conta con 25 prazas, destinadas, no caso dos centros urbanos, a nenos nados entre os anos 2001 e 2009 e, nos rurais, aos nados entre 2001 e 2009.

O prazo de preinscrición estará aberto do 15 de novembro ao 5 de decembro. O prezo xeral é de 60 euros, se ben se contemplan diversas reducións por segundo fillo ou familia numerosa e exencións para familias en situación de paro dos pais, nais ou titores.

Monitores da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco conducirán as actividades, que achegarán os rapaces, a través de xogos e dinámicas ao mundo da creatividade e da imaxinación durante as oito mañas do programa.

O programa destes sete centros complétase co organizado pola Asociación de Veciños Nova Xeira, en colaboración co Concello, no Local Sociocultural de Figueiras. Realizarase os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro, e 2, 3, 7 e 8 de xaneiro, de 9:00 a 14:00 horas.

Haberá prazas para un máximo de 20 nenos, nados entre 2000 e 2007). Neste campamento o prezo está entre 30 e 35 euros. A inscrición debe facerse a través do correo electrónico da Asociación Nova Xeira de Figueiras: novaxeira@gmail.com.

Actividades de tarde
Vive o Nadal 2013 tamén inclúe unha ampla gama de actividades socioculturais, que se desenvolverán en horario de tarde nos centros. Entre estas, destacan algunhas como:
- Obradoiros de decoración dos centros, montaxe de Beléns, confección de postais..
- Obradoiro do Agasallo Viaxeiro, que permitirá o intercambio de agasallos feitos entres os nenos dos centros socioculturais, a través dos 27 obradoiros específicos preparados para que antes de que remate o ano os nenos participantes reciban o seu agasallo.
- Obradoiros de achegamento á maxia, para nenos de 6 a 14 anos,
- Obradoiro Pequenos cineastas, rodamos unha peli (nenos de 7 a 12 anos) os días 10, 14, 17 e 18 de decembro, de 18:00 a 20:30 horas.
- Obradoiros para adultos de candeas decorativas, centros florais, ambientación navideña, receitas de Nadal…
- Mercado de troco de xogos e xoguetes e videoxogos en bo estado.
- Actuacións de maxia, bailes para adultos, teatro, contacontos, actuacións musicais, malabares, un encontro de xadrez para adultos, un torneo para nenos, xogos de rúa, excursión a Portugal para maiores.
- Visitas dos paxes dos Reis Magos aos centros para recoller as cartas dos nenos,

Maxia
En particular, Francisco Noya destacou a novidade este ano dos tres obradoiros de maxia para rapaces de 6 a 14 anos, que se realizarán nos centros socioculturais de Vite (16 de novembro ás 11:30 h), Santa Marta (28 de novembro ás 18:00 h) e O Castiñeiriño (5 de decembro ás 18:00 h).

Ademais, haberá tamén tres actuacións de maxia: 16 de decembro, ás 21:00 h, no LSC de Figueiras; 27 de decembro, ás 18:30 h, no CSC do Castiñeiriño; e 30 de decembro, ás 18:30 h, no CSC do Ensanche. Todos eles serán de entrada libre ata completar o aforo. A maxia será precisamente un dos eixes temáticos da programación do primeiro semestre de 2014 dos centros socioculturais, anunciou o edil.

Este calendario de Nadal complétase coa participación dos centros socioculturais, un ano máis, no Concurso Municipal de Beléns.

Todas as actividades son de balde, a excepción das Mañás de Nadal e do obradoiro Pequenos cineastas, rodamos unha peli. O orzamento estimado para todas estas actividades é de 15.000 euros.

Direccións relacionadas



Compartir: