CULTURA

"Unha familia de Tokio", Espiga de Ouro en Valladolid, incorpórase a Cineuropa

13/11/2013 Incorpórase un novo filme a Cineuropa, Unha familia de Tokio, gañador da Espiga de Ouro de Valladolid. Poderá verse este xoves, ás 23:15 horas, no Salón Teatro, e de novo os días 17 e 18. Este filme vén substituír no calendario a Enemy, de Denís Villeneuve, que caeu do cartel por problemas coa xeración da copia dixital. Dende a organización laméntase que non se poida ver Enemy e pídense desculpas polas molestias causadas.

Na xornada do xoves 14 hai que destacar outros eventos. Os cineastas Jordi Cadena e Jonás Trueba estarán na cidade para presentar os seus filmes e falar co público. Ás 18:30 horas, no Principal, Jordi Cadena presenta La por (El miedo) e a continuación, ás 20:15 horas, será Jonás Trueba quen presente o seu filme Los ilusos.

Ademais, poderase ver o pase único de The Japanese dog, de Tudor Cristian Jurgiu, e Rumores de guerra, de Errol Morris, entre outros. E termos a última oportunidade para ver Tom à la ferme, de Xavier Dolan, no que é a estrea absoluta deste filme en España.

A continuación van os comentarios do director do festival, José Luis Losa, sobre algúns dos filmes da xornada:

- THE JAPANESE DOG. A gran revelación da sección de novos realizadores en San Sebastián. A pregunta xeral é que facía esta película grande fóra da sección oficial. O reencontro do pai viúvo e o fillo que se foi a Xapón depáranos outra desas marabillas de posta en escena do omnipotente cinema romanés.

- LA POR. Jordi Cadena vén de asinar, xunto a Judit Colell, Elisa K. E a súa nova película podería comezar no escabroso terreo dos abusos en familia da súa obra anterior. Violencia machista concibida case como cinema de terror, pero mesurada, epatante. O seu director debaterá co noso público.

- TOM Á LA FERME. Xavier Dolan deveu en autor-fetiche de Cineuropa. Na pasada edición tivemos a première en España de Laurence anyways. E agora estreamos en primicia a película pola que levou o premio da crítica en Venecia. O seu plano inicial, con ese coche on the road mentres unha voz feminina desgarra en francés "The windmills of my mind" é o arranque máis poderoso da tempada. E como boa película de Dolan, terá fans arrebatados e detractores que se ceben co neno-prodixio quebequés.

- JIAOYOU (STRAY DOGS). Tal vez, o acontecemento cinéfilo máis relevante do ano. O regreso de Tsai-Ming-liang ao seu nivel de cineasta esencial. E cunha película ferozmente política, en tempos de desafiuzamentos, de vida de cans. Os seus dous últimos planos-secuencia xa son case lenda, e iso que só hai dous meses do seu nacemento en Venecia.

Compartir: