CONSORCIO

A nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago recibe o premio da XII Bienal Española de Arquitectura

13/11/2013 A rehabilitación do antigo Banco de España como sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago foi galardoada na última edición da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, correspondente ao bienio 2011-2012. Os premios entréganse este xoves, 14 de novembro, no Centro de Creación Contemporánea "Matadero" de Madrid, ás 18:30 horas. Coincidindo coa entrega dos galardóns, inaugurarase unha exposición itinerante con todas as obras premiadas. O certame é unha iniciativa do Ministerio de Fomento, a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, en colaboración co Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España. A xerente do Consorcio de Santiago, María Antón, asistirá en compañía de Pablo Gallego Picard -en representación do autor- para recoller o premio.

Inaugurado en 2012, o Museo das Peregrinacións, patrimonio do Consorcio de Santiago, é un proxecto do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, quen mantivo a envolvente exterior do edificio, reestruturando por completo o interior, adaptándoo ao seu novo uso museístico. O arquitecto interpretou perfectamente os espazos con harmonía e sinxeleza de liñas, xerando un referente arquitectónico no corazón da cidade histórica de Compostela.

Nesta edición da Bienal de Arquitectura presentáronse 583 propostas, das que foron premiadas 15 de todo o Estado español. No caso do Museo das Peregrinacións, o xurado destacou que nin o edificio, nin o percorrido expositivo que acolle, é indiferente á súa proximidade á Catedral. Tamén sinalou que "se trata dunha actuación con orzamento limitado, que aproveita o existente e é ademais respectuosa co entorno". Foi premiada como exemplo de reconversión e reutilización dun edificio e dos recursos existentes.

Pola súa parte, a Casa do Cabido, tamén patrimonio do Consorcio de Santiago, foi seleccionada entre as 166 mellores obras. En 2011 rehabilitouse como sede de exposicións temporais. O proxecto de rehabilitación, dirixido por Lourdes Pérez Castro dende a Oficina Técnica do Consorcio, respectou ao máximo a concepción e os materiais orixinais do inmoble, unha das máis altas expresións de arte barroca na cidade, trazado por Clemente Fernández Sarela no século XVIII.

Compartir: