MERCADOS

Reyes Leis e os gandeiros analizaron coa concesionaria do Recinto Feiral de Amio o estado de execución das obras de mellora

13/11/2013 A concelleira de Mercados visitou o Recinto Feiral de Amio con representantes dos gandeiros para analizar coa concesionaria o estado de execución das obras que se lle demandaran durante o verán. Reyes Leis confía en que estes traballos estean realizados antes de finais de ano.

Sobre estas obras, Reyes Leis lembrou que as máis urxentes tiñan que ver coa estanza do gando no recinto. En particular, sobre o cambio do chan, a concelleira indicou que a concesionaria realizou probas con diversos tipos de chan. "Agardo que xa deran co definitivo e teñan un orzamento e prazos para cambiar este chan", indicou. Tamén se lle esixiran á concesionaria melloras en valos, gaiolas, controis de saídas e entradas...

A edil reiterou a aposta municipal por dotar de novos usos o recinto de Amio. "Hai proxectos moi interesantes neste sentido, pero están condicionados ao cumprimento do contrato e á execución destas obras", dixo. Unha vez que se cumpran estas condicións establecidas polo Goberno municipal –engadiu- planificarase esta ampliación de usos. Do cumprimento do esixido tamén dependerá que o Concello estude a petición de suba de tarifas formulada pola concesionaria.

Compartir: