URBANISMO

Santiago de Compostela, primeiro concello en esixir a certificación de eficiencia enerxética nos seus novos edificios

13/11/2013 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 11 de novembro publicaba a apertura do procedemento aberto de contratación das obras de contratación do centro cívico no Romaño-Vista Alegre. O tipo de licitación é de 775.000 euros e o prazo de execución de 10 meses.

Estas obras permitirán dotar aos barrios de Romaño e Vista Alegre dun equipamento público de proximidade, integrado na Rede Municipal de Centros Socioculturais. O centro, de baixo máis unha planta, terá unha superficie de aproximadamente 400 m2 en cada pranta.

A súa distribución incluirá: acceso; vestíbulo de distribución; control de acceso (5 m2); oficina colectiva (10 m2); despacho (1 x 10 m2); aulas (2 x 25 m2), unha delas dotada dunha cociña; aula informática (1 x 20 m2); biblioteca para 30 persoas (75 m2); sala de usos múltiples para 150 persoas (270 m2); zona de camaríns (2 camaríns, 1 WC, 1 ducha, almacén); aseos; espazo para mozos/maiores (60 m2); espazo de almacenamento e cuarto de instalacións.

Servizos socioculturais e centro de día
Ademais de contribuír á dinamización sociocultural desta parte da cidade e a fortalecer o seu tecido asociativo, o centro prestará servizos de benestar social e comunitarios, grazas á posta en marcha dun centro de día polas mañás. O equipamento suporá tamén un aforro ás arcas municipais, xa que substituirá ao actual locais sociocultural do barrio, que funciona nun inmoble alugado.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou que a necesidade de repetir o procedemento por problemas administrativos permitiu introducir algunha novidade nos criterios de valoración do prego de prescricións técnicas, de acordo coa nova filosofía da "cidade intelixente" (smart city) que preside as actuacións municipais.

Unha das melloras a valorar entre as candidatas será a ampliación do prazo de garantía por riba do mínimo esixible (un ano) ata un máximo de cinco anos. Tamén se outorgará maior puntuación polo aumento da porcentaxe do orzamento de control de calidade (ata un 5%) respecto ao orzamento de execución material.

Ademais de todo isto, valorarase como mellora a presentación dun certificado de eficiencia enerxética, de acordo coa normativa comunitaria e a súa transposición ao dereito estatal por medio do Real Decreto 235/2013, de 5 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios. O Concello de Santiago adiántase á esixencia normativa, que fixa para 2018 a data a partir da cal será obrigatorio esta credencial para todos os edificios públicos de nova construción. Para todos os edificios de obra nova, con independencia da súa titularidade, a obrigatoriedade establécese a partir de 2020.

Santiago de Compostela convértese no primeiro concello en demandar este certificado de eficiencia enerxética nos novos edificios, adiantándose varios anos á esixencia comunitaria. A valoración desta credencial introducirase a partir de agora nas prescricións técnicas dos novos equipamentos que se constrúan.

A construción do centro cívico do Romaño-Vista Alegre é unha obra incluída no programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período 2007-2013.

Compartir: