CULTURA

Primeiro pase de "Quai d’Orsay", premio FIPRESCI e mellor guión en San Sebastián, nunha nova xornada de Cineuropa

12/11/2013 Continúa a programación diaria de Cineuropa e na xornada do mércores 13 poderemos ver un total de 12 filmes no Teatro Principal, Salón Teatro e CGAC. Entre eses filmes, pasarase a primeira función de Quai d’Orsay, o filme de Bertrand Tavernier que vén de gañar en San Sebastián o Premio FIPRESCI da crítica e o mellor guión. Ademais, teremos a última oportunidade para ver outro dos filmes premiados en San Sebastián: La Herida, de Fernando Franco, e Camille Claudel, 1915, de Bruno Dumont.

Entre outras opción, teremos tamén un novo pase do filme de Xabier Dolan Tom à la ferme, que foi estrea absoluta en España dentro de Cineuropa e poderemos ver tamén por primeira vez Du Zhan (Drug war), de Johnnie To, e Gli anni ruggenti, de Luigi Zampa.

A continuación van os comentarios do director do festival, José Luis Losa, dos filmes máis relevantes da xornada:

- LA HERIDA. En San Sebastián gañou case todo, e quedaron curtos. Que honestidade abrupta a de Fernando Franco. Que actriz de grandeza inclasificable Marian Álvarez, que só acaba de empezar a recibir premios e que virá co seu director, para compartir o strip-tease emocional.

- CAMILLE CLAUDEL, 1915. Bruno Dumont é xa un clásico de Cineuropa. A súa Camille Claudel, moito máis repousada que o seu cinema anterior. Por momentos, no medio do clima de frenopático, parece ata serea na mirada dunha prodixiosa Juliette Binoche.

- QUAI D’ORSAY. Tavernier, septuaxenario reinvéntase felizmente como comediante de lei cunha farsa delirante sobre como funciona a política, cun ritmo frenético que fai honra ao cómic no que se inspira. Mellor guión e premio da crítica en San Sebastián.

- DU ZHAN (DRUG WAR). Un Johnnie To en plena forma cun filme de gangsters a modo de espectáculo de grand guignol. Garante adrenalina sabia.

- TOM Á LA FERME. Xavier Dolan deveu en autor-fetiche de Cineuropa. Na pasada edición tivemos a première en España de Laurence anyways. E agora estreamos en primicia a película pola que levou o premio da crítica en Venecia. O seu plano inicial, con ese coche on the road mentres unha voz feminina desgarra en francés "The windmills of my mind" é o arranque máis poderoso da tempada. E como boa película de Dolan, terá fans arrebatados e detractores que se ceben co neno-prodixio quebequés.

Direccións relacionadas



Compartir: