CULTURA

Os cataláns Mishima incorpóranse a Primavera Sound Touring Party en Santiago como substitutos de Antònia Font

12/11/2013 O quinteto catalán Mishima actuará o domingo 24 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela como artista convidado en lugar dos mallorquinos Antònia Font, que finalmente non poderán participar na Primavera Sound Touring Party, segundo estaba previsto, por motivos de saúde do cantante da banda.

Mishima atópanse no mellor momento da súa carreira musical tras o éxito obtido co seu último disco L’amor feliç, que na súa primeira semana á venda entrou no Top 10 dos discos máis vendidos a nivel estatal. O seu sexto traballo (tras dous discos en inglés e tres en catalán) levounos xa de xira por varias cidades españolas e agora chega a quenda de presentalo en Galicia da man da iniciativa da promotora barcelonesa.

O grupo compartirá cartel en Primavera Sound Touring Party xunto a outros 13 grupos nacionais e internacionais que xirarán por gran parte da xeografía estatal e cidades de Inglaterra e Francia. Concretamente, o tour recalará na capital galega o sábado 23 de novembro coas actuacións de Svper, Extraperlo, Paus e The Free Fall Band e, o domingo 24, con Mishima, Furguson, L’Hereu Escampa e Za!.

A xira estenderase do 16 ao 30 de novembro e recalará ademais en Zaragoza, Valladolid, Santander, Xixón, Bilbao, Valencia, Madrid, Barcelona, Londres, Burdeos e o festival británico ATP que terá lugar en Camber Sands.

As entradas xerais teñen un prezo de 25 € e dan acceso aos dous días de actuacións. Tamén é posible adquirir entradas de día para unha das dúas datas a un prezo de 15 €. Os puntos de venda son Ticketmaster, Atrapalo, o Portal Primavera Sound e o despacho de billetes do Teatro Principal.

Compartir: