BENESTAR SOCIAL

As Aulas da Terceira Idade incorporan novas actividades en Santiago este curso 2013-2014

12/11/2013 A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos inaugurou o curso 2013-2014 das Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal). O acto, celebrado no Colexio Maior San Agustín, contou coa presenza da concelleira de Benestar Social, María Castelao; da secretaria xeral de Política Social da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro; e do vicerrector de Estudantes, Cultura e Formación Continua da Universidade de Santiago, Francisco Durán. A coordinadora xeral de Ategal, Paula Sande Nieto, presentou o novo curso e o presidente da entidade, Rafael Romero deu a benvida a todos os alumnos e alumnas. Ademais, Cristina Couto, de Europe Direct impartiu a conferencia Comunicar Europa.

Máis de 250 persoas maiores, matriculadas en todo tipo de actividades culturais, ocupacionais e de saúde que se imparten nas Aulas da Terceira Idade de Galicia participaron tamén no acto. Aínda que a formación xa ten comezado para algunhas das aulas en outubro, educadores e alumnos decidiron esperar a que todos os cursos estiveran funcionado para ter un momento de encontro entre todos os alumnos, para confraternizar e coñecerse entre eles e, especialmente, darse impulso mutuamente.

Este colectivo de alumnos tan particular -persoas de entre 65 e máis de 90 anos- rompe canons establecidos, tópicos e estereotipos. O primeiro deles, o que disocia estudios coa idade. E fano con ilusión, afán de superación, gañas de aprender e de seguir aportando, desinteresadamente, á sociedade.

Máis de 20 disciplinas
Ategal conta con nove sedes en Galicia onde se imparten todo tipo de actividades para persoas maiores. Os alumnos e alumnas poden elixir entre máis de vinte cursos de formación de lingua española e galega, literatura, historia do arte, informática, idiomas estranxeiros, ximnasia, pilates, ioga, tai chi, iogailates, obradoiros de memoria ou educación para a saúde, entre outros, ademais de participar en conferencias, visitas a exposicións, excursións...

Este ano, Santiago conta cos novos cursos de Ler na era dixital, nos que se analizarán todos os recursos da Rede sobre literatura e cultura en xeral. Son impartidos por Gloria Rico. Tamén é novidade o programa de actividades na auga, con desprazamento á piscina dende as Aulas e cun grupo exclusivo para os seus alumnos. Cómpre salientar igualmente a actividade Cine e literatura, a partir de xaneiro, e Baile activo zumba. Ademais, Ategal continúa co curso de tablets, de grande éxito na edición anterior e moi demandado.

Envellecemento activo
En Ategal apuntan que o envellecemento é unha tendencia que irá en aumento durante as vindeiras décadas. Así, o descenso de natalidade, o aumento da emigración española e o non retorno dos nosos emigrantes incrementarán o cambio xeracional. Agárdase que, en 2050, a poboación española teña 15 millóns de persoas maiores de 65 anos, é dicir, o 33% dos seus habitantes.

Pero como matiza o presidente de Ategal Galicia, Rafael Romero, "non é prexudicial envellecer -chegar a máis vello e chegar mellor é unha boa noticia-, senón a falta de atención cara a este fenómeno". Para iso son necesarios cambios individuais e sociais, como o fomento do envellecemento activo. "As actividades de Ategal son un bo exemplo diso. Segundo palabras dos propios alumnos, estas aulas mantéñenos activos e informados para ser partícipes e visibles na vida actual", engade. Por outra banda, sinala que, con estas actividades, "foméntanse as relacións sociais, o saír de casa, arranxarche, compartir tempo e experiencias, establecer novas amizades e novas oportunidades de lecer san e bo".

En 35 anos e a unha media de 1.500 ao ano, Ategal formou a 55.000 alumnos. Algúns deles cumpriron ata 20 anos na entidade. Ategal é un centro de formación socio cultural sen ánimo de lucro, colaborador da Xunta de Galicia. Leva dende 1978 axudando a mellorar a calidade de vida de adultos e persoas maiores e a que estes atopen amizades e actividades para compartir no seu tempo de lecer. Pioneira na formación de adultos en Galicia, conta actualmente con 1.500 socios.

Compartir: