DEPORTES

O Concello substituirá o campo de fútbol de terra a carón do Hospital Psiquiátrico de Conxo por outro de herba sintética

12/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asinou un acordo coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, sobre a concesión demanial dos espazos deportivos existentes no Hospital Psiquiátrico de Conxo. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, asistiu tamén na Consellería de Sanidade a este acto de sinatura, que fai posible que o Concello asuma o acondicionamento destas instalacións.

Grazas a esta cesión por un período de 75 anos, o Concello asumirá a xestión e o mantemento destes dous campos de fútbol, un de herba (6.045,15 m2) e outro de terra (7.710,56 m2), situados a carón do Hospital Psiquiátrico de Conxo e que xa veñen sendo utilizados a nivel local para a práctica deportiva. Está previsto un investimento duns 300.000 euros –contando cunha subvención da Deputación da Coruña e doutra da Secretaría Xeral para o Deporte- para acondicionar estas instalacións, que ocupan unha superficie total de 22.692 metros cadrados.

A actuación máis importante será a colocación de herba sintética no actual campo de terra. Ademais, acondicionarase o campo de herba natural, realizarase o peche perimetral das instalacións -separándoas así totalmente do centro sanitario- e cubrirase parte da grada. O acordo permite tamén asumir unha zona de estacionamento de 1.600 m2, un espazo verde de 2.684,30 m2 e outros 4.403 m2 de espazos vinculados, ademais da parte de cafetería e vestiarios (186 m2).

Compartir: