CULTURA

Primeiros pases de "Camille Claudel 1915" e de "Jiaoyou (Stray dogs)" en Cineuropa

11/11/2013 Na xornada do martes 12 en Cineuropa destacan dúas citas no Teatro Principal: os primeiros pases de Camille Claudel 1915 e de Jiaoyou (Stray dogs). Bruno Dumont, un clásico xa de Cineuropa, dirixe Camille Claudel 1915, interpretada por Juliette Binoche. Poderemos vela ás 21:45 horas. Xusto a continuación, ás 23:30 horas, chegará Jiaoyou (Stray dogs), de Tsai Ming-liang, Gran Premio do Xurado en Venecia.

Ademais, teremos a último oportunidade para ver Marta´s suitcase, Paradies: Hoffnung, Jeune et jolie e The act of killing, e un novo pase de La Herida, de Fernando Franco. Teremos tamén máis funcións de Docs-Cineuropa, o ciclo de cinema italiano e o de J.F.K. En total, 18 filmes na xornada deste martes días 12.

A continuación, os comentarios do director do festival, José Luis Losa, sobre algúns dos filmes máis relevantes da xornada:

- PARADISE: HOPE. O pasado ano, Ulrich Seidl estreou en Cineuropa Paradise: Love, co seu turismo sexual en África, e Paradise: Faith, tan premonitoria do futuro do Papa Raztinger. Agora, Seidl pecha o seu tríptico das miserias austríacas co paso da filla obesa por un campamento infantil de adelgazamento. Pódese ser máis maldito?

- JEUNE ET JOLIE. En Cannes, François Ozon fascinounos coa ausencia de motivos desta adolescente para exercer, de maneira case compulsiva, como call-girl que tolea a tipos que poderían ser os seus avós. E que gancho de guión maiúsculo esa aparición salvífica de Charlotte Rampling!

- CAMILLE CLAUDEL, 1915. Bruno Dumont é xa un clásico de Cineuropa. A súa Camille Claudel, moito máis repousada que o seu cinema anterior. Por momentos, no medio do clima de frenopático, parece ata serea na mirada dunha prodixiosa Juliette Binoche.

- JIAOYOU (STRAY DOGS). Tal vez, o acontecemento cinéfilo máis relevante do ano. O regreso de Tsai-Ming-liang ao seu nivel de cineasta esencial. E cunha película ferozmente política, en tempos de desafiuzamentos, de vida de cans. Os seus dous últimos planos-secuencia xa son case lenda, e iso que só hai dous meses do seu nacemento en Venecia.

- LA HERIDA. En San Sebastián gañou case todo, e quedaron curtos. Que honestidade abrupta a de Fernando Franco. Que actriz de grandeza inclasificable Marian Álvarez, que só acaba de empezar a recibir premios e que virá co seu director, para compartir o strip-tease emocional.

Direccións relacionadas



Compartir: