PROMOCIÓN ECONÓMICA

O financiamento das empresas de economía social, a debate no Auditorio

10/07/2006 Santiago de Compostela acolle o primeiro dos seminarios temáticos previstos no plan de traballo transnacional do proxecto "Compostela Social. Talleres de Empresarios/as para a Inserción Sociolaboral". O encontro, que se celebra o luns 10 e o martes 11, aborda o tema dos instrumentos de financiamento para as empresas de economía social.

O programa do seminario articulase en torno a unha serie de ponencias e talleres que ofrecen un tratamento do tema dende diferentes experiencias e enfoques. O seminario vai dirixido principalmente a cargos electos, persoal técnico dos Concellos, socios da Agrupación de Desenvolvemento (AD) e socios transnacionais.

O proxecto "Compostela Social. Talleres de Empresarios/as para a Inserción Sociolaboral", aprobado con cargo á iniciativa comunitaria EQUAL, ten como obxectivo principal fomentar o espírito empresarial e a creación de empresas por parte daqueles colectivos da comarca de Santiago que presentan maiores dificultades para o seu aceso ó mercado laboral e que teñan vocación emprendedora. Trátase pois de colectivos para os que os programas de inserción tradicionais non teñen dado resultados eficaces.

En particular, o programa transnacional "Sectores innovadores e economía social" centrase en intercambios reais de experiencias e investigacións entre as ADs implicadas. O propósito desta cooperación transnacional é desenvolver novos medios e medidas para combater todas as formas de discriminación e desigualdades relacionadas co mercado de traballo.

Compartir: