CULTURA

Dúas novas citas do Compostela Rock: Freedonia & The Sweet Vandals e Youth Lagoon

08/11/2013 Fin de semana de rock na Sala Capitol en colaboración co Festival Sinsal Outono e dentro do ciclo Compostela Rock. As citas son con Freedonia & The Sweet Vandals e Youth Lagoon.

O sábado 9 será una ocasión única e excepcional para ver a dúas das bandas máis representativas da escena soul/funk no noso país na sala Capitol ás 21:00 horas, Freedonia & The Sweet Vandals. E o domingo 10, ás 20:00 horas, tamén na Capitol, Youth Lagoon presentará Wondrous bughouse, título do segundo álbum. Abrirán o concerto os Absolutely Free.

Freedonia & The Sweet Vandals
Ambas formacións comparten o mesmo ADN sonoro. The Sweet Vandals levan unha década virando por toda Europa (Francia, Rusia, Alemania, UK...) e son, sen dúbida, un dos referentes do xénero máis aló das nosas fronteiras. Pola súa banda, Freedonia deixaron de ser o segredo mellor gardado do soul estatal para rapidamente pasar a converterse na banda que ninguén debería perderse en directo. A unión destes dous satélites do soul e o funk fará que o 9 de novembro en Compostela a noite sexa máis negra que de costume.

Freedonia é unha banda dez músicos que malgastan forza e sentimento no escenario. Dende os seus comezos, en 2006, contaron co apoio incondicional do público. Nunha primeira etapa, os seus temas eran instrumentais intercalados con algúns con colaboracións vocais. Posteriormente contaron como vocalista con Aurora García. Actualmente a cantante é Maika Sitte, que conquistou ao público na edición 2013 de Imaxina Funk.

É innegable o crecemento da escena de música negra no noso país nos últimos anos. The Sweet Vandals están situados na primeira liña europea dende a aparición do seu primeiro álbum, alá por 2007. Anos de xiras por Francia e Alemaña, concertos en 4 dos 5 continentes, actuacións en directo na BBC inglesa ou no mítico Rockpalast da WDR alemá. Tras tres discos coa alemá Unique decidiron dar o salto coa súa propia discográfica, Sweet Records. Toda esta experiencia acumulada durante anos virando e tamén producindo os seus propios discos está agora ao servizo dos músicos con corazón.

Entradas á venda: anticipada, 12 €; billeteira, 15 €; na billeteira do Teatro Principal, www.ticketea.com, www.salacapitol.com e A Reixa Tenda.

Youth Lagoon
En Compostela soarán as cancións do proxecto que comanda Trevor Powers, un dos enfants terribles con máis enxundia do indie pop actual. De dependente nunha tenda da cadea Urban Outfitters a candidato a nova marabilla branca en só dous anos, unha fantasía post-adolescente feita realidade a golpe dun son que rescata ecos de Cocteau Twins e os reboza de épica desbordante, que enche o aire de densidade e enigma ao Beach House e logo vaino expandindo. The Flaming Lips en versión peto.

Todo empezou hai dous veráns, cando só tiña un par de temas flotando pola blogosfera. Un acabou como "best new track" da web Pichtfork. Logo chegou o seu álbum de debut, en 2001, The year of hibernation, co selo Fat Possum envorcado na súa promoción e medios como CMJ dicindo que che golpeaba como un campión dos pesos pesados. Bases de teclados e cancións de dormitorio partindo do o-fi quebradizo para crecer e acabar metendo a Pink Floyd na habitación. Fresca música espectral. O arriba citado Wondrous bughouse dobra esa aposta. É o que se esperaba del: Powers ofrecéndonos máis himnos xeracionais para a Xeración Smartphone.

Entradas á venda: 15 euros na billeteira do Teatro Principal, entradas.novagaliciabanco.es e A Reixa Tenda.

Compartir: