SEGURIDADE CIDADÁ

A tromba de auga de 20 minutos da noite do xoves desencadeou inundacións en varias rúas e inmobles e desvíos de tráfico

08/11/2013 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, acompañado polo xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, e polo xefe dos Bombeiros, José Ramón Sánchez, fixo balance das actuacións de emerxencia realizadas con motivo da tromba de auga caída na noite do xoves, entre as 10:50 e as 23:10 horas. Durante eses 20 minutos rexistráronse 78 litros por metro cadrado.

Luis Bello indicou que esta tromba de auga foi unha situación puntual non prevista, xa que alerta amarela meteorolóxica só afectaba á zona costeira. Non obstante, os servizos de emerxencia puideron actuar con celeridade e atender a totalidade das chamadas recibidas neste curto período de tempo. Para dar idea da intensidade da choiva nestes 20 minutos, lembrou que se pasou en a penas minutos dos 37,2 aos 78 litros por metro cadrado.

O xefe da Policía Local, que afirmou non lembrar nos últimos anos unha tromba coma esta nun período de tempo tan puntual, repasou as actuacións que realizaron os 25 efectivos en servizo nese momento da noite. Neste sentido, apuntou a axuda que supuxo que, como cada xoves, a dotación de axentes estivera reforzada.

Entre as inundacións en superficie, a maioría provocadas polo atoamento de sumidoiros, destacou as producidas na rúa do Castiñeiriño, na avenida de Lugo, no túnel baixo Área Central (Fontiñas) ou no carril de servizo que dende Fontiñas permite acceder ás avenidas de Gonzalo Torrente Ballester e de Lugo. Tamén con motivo das altas concentracións de auga foron precisos desvíos de tráfico en zonas como a Ponte de Sar, a glorieta da rúa Clara Campoamor baixo a avenida de Lugo, a rúa de Diego Bernal ou Entrerríos.

A Policía Local tamén acudiu a chamadas de particulares por inundacións en vivendas ou locais nas rúas Ponte Pereda e Acibechería. Tamén entrou a auga no soto do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e no claustro do convento de San Martiño Pinario. Con carácter preventivo e antes de que se desbordara o río, foi cortado ao tráfico en Ponte Pequeno, na rúa Suarribas (Conxo).

Polo que respecta aos Bombeiros, o seu responsable apuntou que se tiveron que realizar 22 saídas, se ben algunha non requiriu intervención, xa que os propios veciños xa desatascaran as arquetas atoadas. En especial salientou a actuación realizada no claustro de San Martiño Pinario, onde a auga alcanzou os 20 centímetros.

Ao traballo realizado por Policía Local e Bombeiros sumouse tamén o labor da Brigada de Vías e Obras e dos traballadoras das empresas concesionarias dos servizos básicos municipais.

Compartir: