MEDIO AMBIENTE

En marcha a campaña "Ecocomercio"

10/07/2006 Máis de 1.000 comercios do Ensanche e do Casco Histórico están xa a beneficiarse da campaña "Ecocomercio", unha iniciativa dirixida a sensibilizar aos comerciantes do municipio sobre a importancia da recuperación dos envases de papel e de cartón que xeran na súa actividade e a facilitarlles a recollida deste tipo de envases. O proxecto, desenvolvido polo Concello de Santiago, en colaboración con Ecoembes e Aspapel, prolongarase arredor de tres semanas.

Un equipo de monitores está a visitar tódolos comercios da cidade, recollendo datos sobre cada un dos negocios, en relación á recollida de envases de papel e de cartón, e informando, á súa vez, do servizo que presta o Concello ao respecto. Nesta primeira toma de contacto, os monitores están a entregar folletos informativos e identifican, cun adhesivo, os comercios colaboradores. Nunha visita posterior realízase outro cuestionario aos comerciantes de cara a avaliar a eficacia da campaña e do servizo de recollida prestado. No municipio de Santiago, o servizo de recollida porta a porta realízase de luns a venres a partir das 20:00 horas no casco histórico e das 22:00 horas no Ensanche.

"Ecocomercio" está dirixido a atender a demanda dos pequenos e medianos empresarios das zonas comerciais e pretende liberar de papel cartón os contedores existentes nos seus arredores que, con frecuencia, se saturan polos residuos xerados polos comercios. Ademais, esta campaña fomenta unha maior limpeza das rúas comerciais do municipio e garante a reciclaxe dos envases de papel cartón.

As primeiras previsións apuntan a que a campaña vai facilitar a recuperación de papel-cartón, a desconxestión dos contedores azuis da zona comercial e a limpeza dos restos de papel-cartón nas devanditas áreas.

Esta campaña xorde do acordo entre Ecoembes e a entidade do material papel-cartón Recipap para desenvolver conxuntamente con Aspapel unha serie de medidas encamiñadas a fomentar a recuperación selectiva de papel-cartón nos municipios de máis de 50.000 habitantes.

Ecoembes e Aspapel
Ecoembes é unha sociedade sen ánimo de lucro, cuxo fin é a organización e xestión dun sistema encamiñado á recollida selectiva, recuperación e reciclaxe de envases e residuos de envases. Só en 2004, e grazas á colaboración de cidadáns, concellos e comunidades autónomas, se puideron recuperar máis de 1.177.000 toneladas de envases, cantidade equivalente a encher, ata arriba, 82 estadios de fútbol como o Bernabeu ou o Nou Camp.

ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón) é unha organización profesional de ámbito estatal que agrupa as empresas do sector da celulosa e do papel e ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento competitivo e sostíbel das empresas asociadas. Entre as súas actividades destacan as iniciativas sectoriais ambientais, como a promoción da recuperación e da reciclaxe de papel e cartón.

ASPAPEL, no marco do proxecto "O teu papel é importante", deseñou un programa de acción con concellos para contribuír ao desenvolvemento sostíbel a través da mellora continua da recuperación de papel e de cartón en España, potenciando a recollida a través dos colectores azuis e desenvolvendo fórmulas complementarias de recollida naqueles ámbitos nos que se detectaron maiores marxes de mellora: fogares, oficinas, colexios e pequeno comercio.

A campaña "Ecocomercio" encádrase nesta iniciativa de promoción da recollida do papel e do cartón municipal e xorde dun acordo entre Ecoembes e a entidade do material papel-cartón Recipap para desenvolver conxuntamente con ASPAPEL unha serie de medidas encamiñadas a fomentar a recuperación selectiva de papel-cartón nos municipios de máis de 50.000 habitantes.

Compartir: