RELACIÓNS VECIÑAIS

Remata o prazo de xustificación das subvencións ás asociacións veciñais

07/11/2013 Este luns 11 de novembro, remata o prazo de xustificación das subvencións ás asociacións veciñais de Santiago de Compostela, tal e como se recolle nas súas bases. A Concellería de Relacións Veciñais repartiu 64.800 euros entre as 43 asociacións que presentaron a súa solicitude.

Unha vez concedida a subvención e para proceder ao seu cobro, as entidades beneficiarias deben presentar no Rexistro unha serie de documentación acreditativa da realización dos programas subvencionados, tal e como se recolle no punto 10 (xustificación e pagamento) das bases para a concesión de subvencións ás asociacións veciñais de Santiago de Compostela sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e actividade de interese xeral para o exercicio 2013 (BOP núm. 164, xoves 29 de agosto de 2013).

A data límite para xustificar a subvención concedida será o 11 de novembro de 2013. Poderán entregar xustificantes de pago con data dende o 1 de xaneiro ata o 11 de novembro de 2013.

Este ano esíxese que todos os pagos se realicen mediante cheque ou transferencia bancaria, aínda que, excepcionalmente, aceptaranse facturas de pagos ata 400 euros en efectivo (IVE incluído). En calquera caso, nestes xustificantes debe constar información específica sobre a persoa e a empresa que realizou a venda (nome e apelidos, DNI, cargo na compañía e sinatura do vendedor, cuño da empresa e data da venda).

Compartir: