OCiHR

Santiago reúnese en Brasil cos socios do proxecto Pagus-Al 2

07/07/2006 A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, e o arquitecto responsábel da Oficina Municipal de Conservación e Rehabilitación da Cidade Histórica, Javier Fernández, viaxarán a Olinda, en Brasil, para reunirse cos socios do proxecto "Pagus-Al 2", dentro do Programa Urb-Al.

O obxectivo desta viaxe, que se enmarca nun amplo programa de cooperación, é o intercambio de experiencias e de coñecemento entre os representantes das cidades socias, que son Narni (Italia), Amave-Guimaraes (Portugal), Olinda (Brasil), Juiz de Fora (Brasil), San Rafael (Argentina), Ciudad de Santa Fe (Argentina), Colonia (Uruguai), Valparaiso (Chile), e Santiago de Compostela, a única cidade de España que traballa neste proxecto.

Rosón e Javier Fernández trasladarán aos representantes das cidades sociais a historia da transformación urbana da nosa cidade durante os últimos vinte anos. Santiago, declarada Cidade Histórica Patrimonio Mundial en 1985 e Primeiro Itinerario Cultural Europeo do Camiño de Santiago en 1987, entre outros recoñecementos, e a súa política de renovación urbana, converteuse nos últimos vinte anos nun referente nacional e internacional, ao mobilizar e integrar vontades e accións arredor dun proxecto de recuperación de cidade habitábel, de encontro e de cultura. A implicación neste proxecto urbano de todas as administracións públicas, axentes privados e institucionais múltiples fixo posíbel o desenvolvemento de fórmulas anovadoras de cooperación que permitiron unha eficaz execución da planificación urbanística.

Compartir: