TURISMO

Vueling conectará Santiago de Compostela con Bruxelas a partir do 3 de maio

06/11/2013 Grazas á nova conexión con Bruxelas e ao incremento de frecuencias nas rutas existentes (Barcelona, Málaga, París e Zurich), Vueling incrementará a súa oferta en Santiago nun 22% con respecto ao verán anterior ofertando 265.000 asentos durante a temporada de verán 2014.

Como resultado das reunións e dos contactos mantidos entre o alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, con responsables da compañía, Vueling ampliará a súa oferta dende Lavacolla o próximo verán cunha nova ruta a Bruxelas, que comezará o próximo 3 de maio. Grazas á nova conexión con Bruxelas e ao incremento de frecuencias nas rutas existentes (Barcelona, Málaga, París e Zurich), Vueling incrementará a súa oferta en Santiago nun 22% con respecto ao verán anterior, ofertando 265.000 asentos durante a temporada de verán 2014.

A nova ruta con Bruxelas, que responde a unha tradicional demanda por parte do tecido económico da cidade, terá tres frecuencias semanais: martes, xoves e sábados, cunha oferta de 27.360 asentos dispoñibles dende 44,99 euros por traxecto, taxas e cargos de xestión incluídos. Bruxelas converterase no terceiro destino internacional de Vueling en Santiago, xunto coas conexións a París e Zurich.

Dende Turismo de Santiago considérase o mercado belga como unha oportunidade para continuar aumentando a dimensión internacional da demanda da cidade, que no 2012 acadou a maior cifra de pernotacións foráneas da historia e neste 2013 continúa crecendo, segundo os datos do INE.

Bélxica é un país con máis de once millóns de habitantes. O número de pernoctacións de cidadáns belgas sufriu altas e baixas dende o 2003, cun importante crecemento nos Anos Santos de 2004 e 2010. No 2012 creceu un 55% respecto ao 2011.

O obxectivo é que o mercado belga continúe crecendo en Santiago nos próximos anos dun xeito consistente. Precisamente, o modo de conseguir este obxectivo a través dunha conexión directa con Bruxelas foi un dos temas principais das reunións e os contactos que o alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, mantiveron con representantes da compañía Vueling.

Documentos relacionados



Compartir: