ALCALDÍA

O alcalde recibiu o novo director da Banda Municipal de Música de Santiago

06/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu o novo director da Banda Municipal de Santiago de Compostela, Juan Miguel Romero Llopis.

Ángel Currás destacou a "experiencia contrastada" de Juan Miguel Romero a pesar da súa xuventude e cualificou como "moi interesantes" as súas propostas de futuro para a Banda. Ademais, tivo palabras de agradecemento para o anterior director, Carlos Seráns, polos seus catro anos á fronte da formación musical.

Pola súa parte, o novo director mostrouse disposto a "seguir na liña de excelencia artística" marcada pola Banda Municipal, "enriquecendo a oferta cultural de Santiago". Afirmou apostar pola modernización e pola captación de novos públicos.

Juan Miguel Romero debutará na dirección o domingo 24 de novembro, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. Indicou que este primeiro concerto será unha "declaración de intencións", cunha primeira parte con repertorio orixinal de banda e cunha segunda "máis explosiva", integrada por coñecidas danzas

Juan Miguel Romero Llopis
Natural de Monforte del Cid (Alicante), Juan Miguel Romero Llopis é graduado en Clarinete e Dirección de Orquestra e diplomado en Educación Musical pola Universidade de Alicante. Ampliou os seus estudos musicais de dirección con profesores como Francesc Cabrelles, Manuel Hernández Silva, E. García Asensio, G. Phelivanian, Jan Cober, E. Corporon, F. Liss ou J. A. Espinosa, entre outros.

Foi director titular da Banda Musical "La Lira" de Monforte del Cid, da Agrupación Musical Santa Cecilia de Castalla e da Orquesta Sinfónica de San Vicente del Raspeig. En calidade de director convidado dirixiu a Orquesta de Flautas del Mediterráneo, a Banda Municipal de Vitoria ou a Orquestra Sinfónica de Murcia, entre outras. Foi director asistente da Joven Orquestra de la Región de Murcia.

Gañou o Premio Acordes a nivel nacional ao fronte da Orquesta del Conservatorio Superior de Murcia, o que o levou a realizar un concerto de galardoados no Teatro Monumental de Madrid. Á fronte da Agrupación Musical Santa Cecilia gaña o primeiro premio da primeira sección no Certame Nacional de Bandas "Ciudad de Murcia" en 2009. Ao ano seguinte accede á praza de director asistente da Banda Municipal de Barcelona.

Acompañou a solistas internacionais como Ara Malikian, Ionut Podgoreanu, Ximo Vicedo ou Marta Matheu, entre outros, e participou en espectáculos con artistas como o coreógrafo Cesc Gelabert ou a bailadora flamenca Eva Yerbabuena.

Compaxina a súa actividade de director coa docencia, ocupando a praza de catedrático de Dirección de Orquestra no Conservatorio Superior de Música "Manuel Massotti Littel" de Murcia.

Compartir: