DEPORTES

Compostela acolle a cuarta edición dos Premios Galicia á Xestión Deportiva

06/11/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), Eduardo Blanco, presentaron a gala dos IV Premios Galicia á Xestión Deportiva, que se celebrará o venres 8 de novembro ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Son nove as categorías nas que se entregarán premios, outorgados por un xurado composto por representantes de AGAXEDE e doutras entidades vinculadas á xestión deportiva. Ademais, na gala entregaráselle a título póstumo a insignia de ouro de AGAXEDE a José Luis Salvador Alonso. A súa viúva recollerá a distinción.

Os galardoados nesta edición son:

- Premio ao/á mellor xestor/a deportivo/a: Carlos García Pardo.
- Premio á mellora actividade ou programa deportivo: Mancomunidade Terra de Celanova (Ourense).
- Premio ao mellor Concello de menos de 15.000 habitantes: Concello de Tomiño (Pontevedra).
- Premio á mellor entidade pública: Deputación de Pontevedra.
- Premio á mellor entidade privada: Rio Natura Monbus Obradoiro CAB SAD (Santiago de Compostela).
- Premio ao mellor estudo ou innovación: David Fabeiro Agraso.
- Premio ao mellor patrocinio deportivo: Aceites Abril (Ourense).
- Premio á xestión sostible no deporte: Sociedade de Montaña Artabros (A Coruña).
- Premio á xestión deportiva de integración social: Fundación María José Jove (A Coruña).

Conferencia previa do presidente da FAGDE
Con carácter previo á gala, ás 18:30 horas, Luis Solar, presidente da Federación de Asociacións de Xestores Deportivos de España (FAGDE) impartirá a conferencia "¿É rendible a pedagoxía para o fútbol español?. Experiencia do Atlhetic Club".

Luis V. Solar Cubillas (Noja, 1950) é Licenciado en Educación Física pola Universidade Politécnica de Madrid e Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade do País Vasco. Vén compatibilizando dende hai 30 anos a dirección e administración do deporte coa docencia universitaria. Ocupou os cargos de director de Deportes do concello de Barakaldo e Bilbao (1983-1991), director do IVEF (1991-1999), director de Xuventude e Deportes de Bizkaia (1999-2003), director de Cultura do Concello de Bilbao ata 2007, coordinador xeral do Athletic Club de Bilbao (2007-2009). Na actualidade é responsable do cadro técnico de Bilbao Kirolak e profesor asociado da UPV/EHU (dende 1989).

Foi en dous períodos presidente de KAIT (Asociación Vasca de Xestores do Deporte), e ostenta dende abril de 2013 a presidencia da Federación Española de Xestores (FAGDE). Publicou, como autor, Pierre de Cobertin. La dimensión pedagógica (2003) e Deporte. El gigante virtual (2007); como coautor e editor, Deporte, gestión y municipio. Aspectos clave (2006), El deporte en la educación (2009), De Re Olímpica (2010) e De Re Olímpica II (2013); e como editor, Las culturas del fútbol (2008), Antecedentes del deporte y el olimpismo en la obra de Homero (Jover Ruiz. 2008) e El doping en los deportes de fuerza y resistencia (Manso, Vitoria. 2009).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: