TURISMO

Santiago promociónase na WTM de Londres

05/11/2013 Turismo de Santiago está promocionando a cidade na World Travel Market, a feira turística máis importante do mercado británico, que ten lugar en Londres entre o 4 e o 7 de novembro. Nesta feira participan máis de 45.000 profesionais do sector, con máis de 2.500 xornalistas internacionais rexistrados. A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o persoal de Turismo de Santiago están mantendo numerosas reunións con diferentes profesionais do sector británico para continuar mellorando o posicionamento da cidade neste mercado.

O Reino Unido é un mercado prioritario para Santiago, aínda que entre os anos 2008 e 2011 viviu un claro retroceso nas pernoctacións na cidade. No 2007 alcanzáronse as 45.000 pernoctacións, pero dende entón descendeu dun modo moi importante, contraéndose máis da metade. Así, tanto en 2010 coma en 2011 houbo menos de 20.000 pernoctacións, ocupando o sexto posto por volume de pernoctacións na cidade tras Alemaña, Italia, Portugal, Francia e Estados Unidos.

Non obstante, no ano 2012 houbo unha recuperación importante no número de pernoctacións do Reino Unido con respecto ao 2011, pasando de 17.914 a 24.125, un crecemento do 35%. Este dato avala a marxe de crecemento deste mercado, que é un dos principais mercados emisores de turistas a España. O obxectivo de Turismo de Santiago é recuperar o volume de pernoctacións que este mercado chegou a ter hai uns anos.

Compartir: