CENTROS SOCIOCULTURAIS

Centros Socioculturais e Ditea renden homenaxe a Agustín Magán

04/11/2013 A Concellería de Centros Socioculturais e o grupo de teatro de cámara Ditea organizan, do 5 ao 9 de novembro, no Centro Sociocultural de Santa Marta, a Semana de Agustín Magán. Na sala que leva o seu nome, Agustín Magán será o protagonista dun calendario de actividades que inclúe unha representación teatral, obradoiros, unha mesa redonda, unha exposición e un acto de homenaxe.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, acompañado por Alberto Álvarez, presidente de Ditea, presentou esta semana de actividades, que rende homenaxe a Agustín Magán e lembra cinco décadas do traballo de Ditea a prol do teatro. A data central deste calendario será o mércores 6 de novembro, a partir das 21:00 horas, cando o CSC de Santa Marta acolla unha homenaxe a Agustín Magán, un recoñecemento público ao labor do dramaturgo compostelán e unha lembranza a cargo dos seus descendentes e compañeiros en Ditea. Falarán os seus fillos, proxectarase un vídeo e quedará inaugurada oficialmente a Sala Agustín Magán.

Con motivo desta homenaxe, abrirase tamén a exposición O mundo de Ditea, que amosará a traxectoria desta compañía ata o 4 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de martes a sábado) no propio CSC de Santa Marta.

Obradoiros, mesa redonda e teatro
A programación inclúe tamén un obradoiro para nenos e nenas en torno á figura de Agustín Magán e a historia de Ditea, titulado Maganenos!. Realizarase no horario de apertura da aula de xogo (17:00 a 20:30 horas) o martes 5, o mércores 6 e o venres 8 de novembro.

O sábado 9 de novembro, ás 12:30 horas, celebrarase unha mesa redonda titulada 50 anos de teatro non son nada. Contos, anécdotas e historias. Participarán: Alberto Álvarez, José Rey, Ramón Valiño, José A. De la Fuente, Manuel Amenedo, Lucrecia Carril e Martina Martínez, actores e directivos de Ditea nas distintas etapas da compañía.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, a Sala Agustín Magán acollerá a representación a cargo de Ditea de Acto imprevisto, de Miguel Gallego.

A Concellería de Centros Socioculturais e Ditea veñen de colaborar recentemente no Ciclo de Teatro Fegatea, que programou en diversos centros socioculturais representacións con moi boa acollida. Coa organización desta Semana Agustín Magán refórzanse os lazos de colaboración e o apoio ao Teatro afeccionado, un dos obxectivos de traballo do Departamento de Centros Socioculturais, especialmente dende que se conta co equipamento do CSC de Santa Marta.

Documentos relacionados



Compartir: