NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Premio Manuel Beiras cumpre a súa XIV edición recoñecendo o esforzo normalizador de empresas compostelás no uso do galego

30/10/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, presentaron a XIV edición do Premio Manuel Beiras. O certame, organizado nesta ocasión pola Cámara de Comercio, recoñece o esforzo que realizan as empresas e institucións do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.

Rebeca Domínguez explicou que Compostela é un ámbito chave para acadar maiores niveis no uso do galego, unha lingua "útil e un código de comunicación moi valorado" polos comerciantes para publicitar os produtos e tratar aos clientes. "Nesta edición viramos a mirada cara os premiados, a través de pequenas pezas de vídeo", salientou.

Pola súa parte, Jesús Asorey indicou que o galego é un idioma que cada día utilizan máis empresas de Santiago. Neste sentido, apuntou que "agora non é novidade o uso da lingua galega. Somos unha cidade multicultural e as empresas usan diversos idiomas polo turismo internacional que recibimos".

A organización desexa e espera recibir un gran número de candidaturas, chegadas das máis diversas empresas e entidades. O premio abandona as canles tradicionais de difusión para usar nesta edición as redes sociais –Facebook e Twitter da Cámara e do Concello de Santiago– e achegarse á cidadanía, ás institucións, ás empresas e aos comercios co obxectivo de animalos a presentar candidaturas. Ademais, durante o acto de presentación proxectouse un vídeo promocional onde galardoados de anos anteriores comentan o valor do Premio Manuel Beiras. Estas proxeccións poden verse na canle de Youtube XuventudeCompos.

Calquera empresa ou comercio que estea radicado no municipio de Santiago pode optar ao premio. Poden propoñelo os seus representantes ou propietarios ou tamén pode suxerilo calquera persoa ou entidade que o considere merecente deste galardón. Para formular as propostas de candidatura chega con comunicalo ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago (dlg@santiagodecompostela.gal / 981 542 409) ou ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio (981 596 800) antes do 29 de novembro.

As bases do premio diferencian dúas categorías: empresas que veñen utilizando o galego de maneira continuada e empresas que galeguizaron recentemente a súa comunicación (porque son de nova creación ou porque mudaron os seus usos hai pouco tempo). O xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade que contribuíra significativamente á normalización lingüística no ámbito empresarial.

Entrega de premios o 13 de decembro
A distinción consiste nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano que se lles entregará ás empresas galardoadas nun acto que se celebrará no Concello o 13 de decembro. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade.

Durante os primeiros días de decembro (9 e 11) celebraranse as reunións do xurado, composto por representantes das empresas distinguidas en 2012, un representante do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a USC, unha asociación en defensa da lingua, un membro do Colexio Oficial de Xornalistas e un representante dunha asociación de consumidores.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo dende o sector socieconómico.

Documentos relacionados



Compartir: