ECONOMÍA

Aberto o prazo de inscrición para a cuarta edición de "Getting Contacts!" en Santiago

29/10/2013 A Concellería de Economía organiza, en colaboración con Área Central e cofinanciada pola Deputación da Coruña, a cuarta edición en Santiago de Getting Contacts!, enmarcada no programa Santiago Investors Support. Celebrarase o xoves 12 de decembro, a partir das 9:30 horas, en Área Central.

Getting Contacts! é un evento de networking orixinal mediante unha axenda de contactos. Ten coma obxectivos fortalecer as empresas locais, facilitando os contactos e o networking, xerar novas oportunidades de negocio, atraer a empresarios doutras poboacións e abrir as portas a novos investimentos. Getting Contacts! conta cunha metodoloxía propia, que permite garantir a cada participante unha axenda personalizada segundo os seus intereses, con entre 15 e 25 entrevistas de alta efectividade.

As razóns para participar en Getting Contacts! son: entrevistas de calidade con outras empresas e profesionais segundo os seus intereses, novos contactos para ampliar o seu negocio (clientes, provedores, colaboradores, socios), promoción da súa empresa en tres niveis (empresas clientes e provedores, administración e asociacións).

Esta será a cuarta edición que se celebra o evento en Santiago en apenas dous anos, sinal de que se trata dun encontro interesante para as empresas e os emprendedores, que saben que nun tempo reducido poden establecer contactos interesantes para os seus proxectos. Na terceira edición de Getting Contacts!, que se celebrou tamén en Área Central en decembro de 2012, participaron 120 empresas, de xeito que nas tres edicións que se teñen celebrado ata o momento o número de empresas participantes supera xa as 350. Pódese estimar que nestes encontros se teñen xerado máis de 5.250 entrevistas de alto interese para os participantes.

A inscrición é gratuíta e pode tramitarse na páxina www.gettingcontacts.com. Nesta web hai que cubrir o formulario de inscrición do xeito máis preciso posible, para que se poidan fixar as entrevistas máis interesantes para cada un dos participantes.

Compartir: