CENTROS SOCIOCULTURAIS

Nova edición da Festa das Cabazas de Conxo, con premios para as máis terroríficas

29/10/2013 O barrio de Conxo volve celebrar a súa Festa das Cabazas o sábado 2 de novembro. A Concellería de Centros Socioculturais colabora con esta iniciativa, organizada pola Coordinadora das Festas Tradicionais de Conxo, que inclúe a convocatoria dun Concurso de Cabazas Terroríficas.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, acompañado por representantes da Coordinadora, presentou esta xornada, que arrincará a partir das 18:00 horas coa exposición das cabazas do Concurso de Cabazas Terroríficas na praza Aurelio Aguirre. Calquera persoa pode participar neste certame, con bases moi sinxelas. Os días 29 e 30 de outubro, deberase presentar no Centro Sociocultural de Conxo unha cabaza recortada baleira e decorada de forma orixinal cunha vela no seu interior.

As cabazas serán exhibidas o 31 de novembro nos locais asociados, que se distinguirán por ter globos na súa entrada. O sábado 2 de novembro, a partir das 18:00 horas, serán expostas todas na praza Aurelio Aguirre, onde se procederá a un acendido xeral e ao fallo do concurso por parte do xurado, formado por membros das asociacións e colectivos da Coordinadora de Festas Tradicionais de Conxo: Centro Sociocultural de Conxo, Asociación de Veciños Conxo Aberto, Asociación de Música e Baile Tradicional de Conxo, Asociación Cultural Diversidade de Conxo e Asociación de Comerciantes Esperta Conxo. A unión de todas as forzas vivas do barrio de Conxo en torno á Coordinadora para organizar eventos coma este foi destacada precisamente polo concelleiro de Centros Socioculturais.

O fallo do xurado e a entrega de premios producirase sobre as 21:00 horas. O gañador do concurso será premiado cun cheque de 100 euros que poderá canxear en calquera establecemento adherido á Asociación de Comerciantes de Conxo. Haberá un segundo premio de 50 euros e un terceiro especial do xurado. Ademais, o xurado outorgará accésits á cabaza máis orixinal e á cabaza máis elaborada.

Túnel do terror, magosto, contacontos e danza
A Festa das Cabazas contará tamén cun túnel do terror no CSC de Conxo. Haberá tres pases: de 18:00 a 18:45 horas para nais e pais con nenos e nenas ata 5 anos; de 19:00 a 19:45 horas para nenos e nenas de 6 a 14 anos; e de 19:45 a 20:00 horas para adultos.

A partir das 19:30 horas, na praza Aurelio Aguirre, celebrarase un tradicional magosto, con servizo de cantina incluído. Ademais, cómpre lembrar que ao longo de todo o día estarán instalados na praza diversos postos de artesanía.

A xornada festiva pecharase ás 19:45 horas cunha sesión de contacontos a cargo de Pedro Brandariz e cunha exhibición de danza oriental de Awalim (20:30 horas).

Compartir: