CONSORCIO

Unha nova publicación analiza a achega da saga Courtier á popularización e modernización da música no século XIX

28/10/2013 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Ángel Currás, asistiu no Casino á presentación do libro La saga Courtier en Galicia, de Beatriz e Alberto Cancela Montes, coeditado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora.

O labor musical da familia Courtier foi intenso e transcendental na cidade de Santiago de Compostela e en toda Galicia ao longo do século XIX. Este ensaio de Beatriz e Alberto Cancela Montes afonda na achega desta saga de músicos —Juan, Hilario, José e Ricardo— na modernización e popularización da música do seu tempo.

La saga Courtier en Galicia é un traballo serio e global, amplamente documentado e ilustrado. Foi recoñecido cunha mención especial no 2º Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán, que promove a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Conta co limiar do ex presidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor.

Os autores
Beatriz Cancela Montes (Santiago, 1981) é diplomada en Educación Musical pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciada en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Oviedo, onde tamén adquire o D.E.A. En 2009 gaña o I Premio de Ensaio Histórico Domingo Fontán, publicando o seu primeiro traballo: Santiago Tafall. Un músico compostelano en los albores del galleguismo (Alvarellos Editora, 2010).

Alberto Cancela Montes (Santiago, 1984) tamén é diplomado en Educación Musical pola USC e Licenciado en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Oviedo e Máster en Xestión Cultural pola Universidade Internacional de Cataluña. Realizou o traballo de investigación ...y Compostela se dejó seducir por el jazz, publicado pola SEdeM na Revista de Musicología (2013).

Compartir: