FAMILIA

O Multiúsos do Sar acolle este venres 1 de novembro a II Festa da Familia, unha xornada de lecer, deporte e solidariedade

28/10/2013 O venres 1 de novembro, coincidindo co partido da novena xornada da Liga Nacional de Fútbol Sala que enfrontará ao Santiago Futsal co Jaén Paraíso Interior, vivirase no Multiúsos Fontes do Sar a II Festa da Familia, organizada polo club compostelán en colaboración coa Concellería de Familia e Benestar Social. Será tamén unha xornada solidaria, na que se recollerán doazóns para a campaña Xuntos Podemos.

A concelleira de Benestar Social, María Castelao, e o presidente do Santiago Futsal, Ramón García, presentaron esta xornada, na que os afeccionados poderán asistir ao fútbol sala e, á vez, vivir unha xornada de lecer familiar. O partido comezará ás 18:00 horas, pero as portas do Multiúsos estarán abertas dende 16:30 horas para que os máis pequenos poidan gozar con inchables, talleres de maquillaxe, sorteos e moitas sorpresas. Ademais, con motivo da festividade do Samaín, todos os afeccionados que acudan disfrazados, recibirán caramelos e lambetadas cortesía de Pecados de Compostela.

Para completar a festa, continuarán no descanso os sorteos patrocinados por Star Center e Hotel Puerta del Camino, nos que poderán participar todos os afeccionados disfrazados.

O obxectivo desta colaboración entre Concello e o Santiago Futsal é fomentar o ocio saudable e o deporte entre as familias de Santiago e comarca. Agárdase repetir o éxito da primeira edición desta festa, na que participaran case 3.000 afeccionados.

A concelleira e o presidente do Santiago Futsal amosáronse tamén confiados na resposta solidaria dos composteláns. Recolleranse no pavillón produtos de especial demanda, que logo serán distribuídos entre as familias máis necesitadas de Santiago, dentro da campaña Xuntos Podemos.

Os afeccionados poden colaborar levando:

- Cueiros.
- Pantalóns vaqueiros de home.
- Compresas.
- Produtos de primeira necesidade de bebés (cremas, leite, gasas, alcohol de 70º, biberóns,…).
- Productos de canastiña.
- Roupa nova de recén nacido.
- Cadeiras de paseo de bebé de primeira e segunda idade.
- Berces.
- Chubasqueiros novos de neno e nena (entre 3 e 14 años).
- Alimentos de bebé e nenos (leite en po, papillas con caducidade alta…).
- DESA (desfibrilador externo semiautomático).

Direccións relacionadas



Compartir: