ALCALDÍA

O alcalde destaca a "xenerosa e humana disposición ética" dos que participaron no operativo de rescate do accidente de Angrois

26/10/2013 Corenta e nove entidades, asociacións, agrupacións e organismos oficiais que participaron nos labores de rescate das vítimas do accidente ferroviario ocorrido en Angrois recibiron a Placa de Honra da Orde do Mérito Civil nun acto celebrado no Auditorio de Galicia. A cerimonia estivo presidida polo alcalde de Santiago, Ángel Currás; a ministra de Fomento, Ana Pastor; o ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, José Manuel García-Margallo; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo.

Tras un minuto de silencio polas vítimas, leuse a resolución pola que se concedía a Placa de Honra da Orde do Mérito Civil a 49 entidades, asociacións, agrupacións e organismos oficiais que participaron nos labores de rescate das vítimas e de atención aos seus familiares no accidente ferroviario do 24 de xullo.

Foron condecoradas as seguintes entidades: Asociación de Veciños de Angrois; Fundación Urxencias Sanitarias-061; CAE 112 Galicia; Bombeiros de Santiago de Compostela; parques de bombeiros dos Consorcios Provinciais Contraincendios e Salvamento de Deza e Tabeirós-Montes, Boiro, Ordes, Santa Comba, Arzúa e Sarria; Xefatura Superior de Policía de Galicia; Policía Local de Santiago de Compostela; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia; Axencia Galega de Emerxencias; Unidade de Policía Adscrita á Xunta de Galicia (UPA); agrupacións de Protección Civil de Santiago de Compostela, Boqueixón, Teo, Brión, Muxía, Fisterra, Melide, Boiro, Malpica, Cuntis, Catoira, Porto do Son, Oroso, Val do Dubra, Padrón, Valga, Pontecesures, Betanzos, Arzúa, Noia, Bergondo, Vilagarcía, Lalín, Cambados, A Estrada e Caldas de Reis; Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE); ERIE Psicosocial da Cruz Vermella en Galicia; XV Zona da Garda Civil; Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA); Comisaría Xeral de Policía Científica do CNP; Servicio Galego de Saúde (SERGAS); Federación Galega de Doadores de Sangue e Federación Galega de Servizos Funerarios.

Xeografía da solidariedade
Despois dunhas palabras a cargo da representación dos condecorados e afectados, tomou a palabra o alcalde, quen expresou o aplauso da cidade a estas condecoracións. "A noite do 24 de xullo de xullo, Galicia despregou sobre Santiago de Compostela a súa máis xenerosa e humana disposición ética", dixo, lembrando que, aquela noite, "os lindes de cada municipio non foron un termo; foron un principio de solidariedade que se estendeu durante horas e horas sobre Santiago".

No marco desta "xeografía da solidariedade", Ángel Currás, acordouse especialmente do momento do aviso de mobilización: "É o momento no que un resorte ético os leva a deixar -sen titubear- o que estaban facendo ou, na véspera do día máis festivo de Galicia, lévaos a despedirse dos seus achegados coa premura que nace do sentido do deber, dun deber máis ético que xurídico".

O alcalde concluíu a súa intervención reiterando o aplauso á iniciativa dos ministerios de Fomento e de Asuntos Exteriores, xa que "aplaudiremos sempre a capacidade operativa e a disposición ética das persoas que integran as entidades hoxe recoñecidas".

Tamén dixeron unhas palabras os ministros de Fomento e de Asuntos Exteriores e o presidente da Xunta. O acto pechouse cunha foto de familia das entidades condecoradas coas autoridades.

Direccións relacionadas



Compartir: