XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a instalación de céspede transitable nas rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro (Guadalupe)

24/10/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria desta semana, adxudicou o subministro e instalación de céspede transitable para o acondicionamento das rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro, no barrio de Guadalupe. Tamén se deu o visto bo ao inicio das obras da rede de saneamento no lugar de Sarela de Arriba, na parroquia da Peregrina.

As obras nas rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro terán un custo de 55.626 euros. Finalmente e atendendo ás demandas veciñais, a modificación do proxecto permitiu aumentar de 30 a 48 as prazas de estacionamento dispoñibles.

En canto á actuación en Sarela de Arriba, o custo da ampliación da rede de saneamento realizarase por un importe de 83.336 euros. Esta obra está incluída no Plan de Obras e Servizos (POS 2013) da Deputación da Coruña.

Cesión de vivenda social
Na sesión tamén se deu conta da cesión de uso dunha vivenda municipal situada no número 35 de Conxo de Arriba á Fundación Andrea, de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. Permitirá a estancia en Santiago dos familiares de nenos que teñan que recibir unha longa atención médica hospitalaria e que teñen recursos limitados para poder estar durante moito tempo fora da súa casa.

Seguindo coa Fundación Andrea, aprobouse o convenio de colaboración para o exercicio 2013, por importe de 3.000 euros. Pola mesma contía, ratificouse o acordo a asinar co Centro Cultural Social Xoán XXIII para o financiamento do Programa Xuntos Podemos.

Convenios culturais e deportivos
Tamén se aprobaron varios convenios con entidades culturais: Real Sociedade de Amigos do Pais (8.000 €), Federación de Libreiros de Galicia (3.825 €), Música en Compostela (3.825 €), Asociación Cultural Cidade Vella (9.180 €) e Casa da Troia (3.600 €).

Xa no ámbito da Concellería de Deportes, asignouse unha subvención de 11.700 euros á Agrupación Deportiva El Correo Gallego, destinada á tradicional Carreira Pedestre.

Alumeado de Nadal
Outro dos asuntos da orde do día foi o inicio do expediente para contratar o arrendamento de equipos de iluminación pública e a súa instalación nas rúas e prazas do Casco Histórico, Ensanche e parroquias de Santiago de Compostela durante as festas do Nadal, cun tipo de licitación de 64.699 euros.

Escola Municipal de Música
Finalmente, adxudicouse a xestión da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, por un importe de 193.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: