ECONOMÍA

Ponse en marcha o programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego "Emprende en positivo"

24/10/2013 A concelleira de Emprego, Reyes Leis, xunto co presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, participou na inauguración do programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego "Emprende en positivo", no que colaboran o Concello, a Fundación INCYDE e a Cámara de Comercio. O acto celebrouse no viveiro de empresas da entidade cameral.

O curso conta con 25 alumnos que desenvolverán 24 proxectos para coñecer a súa viabilidade empresarial. Os alumnos poden ser emprendedores que queiran adquirir os coñecementos necesarios para poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ou ben empresarios que queiran facer rendible a súa empresa. Impartirase ata o 13 de decembro.

Reyes Leis lembrou que moitas persoas quedaron en lista de espera, sen poder realizar este programa formativo, polo que se traballará para organizar unha nova edición. "O emprendemento está de moda. Montar unha empresa é un proxecto difícil pero moi gratificante. Actualmente, as pequenas e medianas empresas soportan o país. É máis necesario que nunca o espírito de valentía, dar un paso adiante e poñer os vosos proxectos na rúa, sempre co noso apoio", dixo a concelleira.

Jesús Asorey incidiu tamén na alta demanda que se rexistra neste tipo de programas que axudan a crear empresas e xerar emprego e manifestou o seu desexo de que "todos os proxectos presentados se desenvolvan ao final do curso".

Na súa intervención, Javier Collado destacou a importancia que actualmente ten o emprendemento dos máis novos, aspecto que se aprecia nestes programas e nos máis de cen viveiros de empresas dependentes das cámaras de comercio españolas. Transmitiu aos alumnos a importancia de aproveitar os contidos, a axuda dos consultores e do director do programa, con gran dose de "esforzo e dedicación".

O programa está dirixido polo director de proxectos de INCYDE, Bernardo Hernández González. Esta iniciativa organízase para mellorar, mediante a formación e o asesoramento, a xestión empresarial da pequena e mediana empresa (peme), desenvolver iniciativas dirixidas ao autoemprego e creación de empresas, así como a adaptación das pemes aos novos mercados. O obxectivo final é a obtención dun plan de empresa baseado nunha idea empresarial, ou conseguir a mellora da competitividade dun negocio xa existente.

A elaboración dun proxecto de empresa completo servirá de guía para o arranque do negocio e tamén como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras. Ademais, os emprendedores que asisten a este programa poderanse acoller a Redempresa, unha rede creada para fomentar contactos entre empresas de sectores comúns ou complementarios, que poidan compartir problemas e solucións similares, intentando facilitar o intercambio de coñecementos do sector.

Compartir: