TURISMO

Turismo de Santiago ofrece este verán visitas guiadas polos conventos

04/07/2006 Entre o 4 de xullo ao 30 setembro cidadáns e turistas poderán disfrutar de dous novos servizos de Turismo de Santiago: as visitas guiadas polos conventos e os percorridos pola arquitectura contemporánea, que se engaden a outros produtos xa consolidados, como as visitas en inglés, o audiowalk e as excursións por Galicia.

Turismo de Santiago ofrece este verán cinco produtos turísticos considerados estratéxicos, entre os que se inclúen dous novos -visitas guiadas aos conventos de clausura e visitas guiadas á arquitectura contemporánea- xunto a outros xa en decidida consolidación.

De acordo con Francisco Candela, concelleiro de Turismo, con esta oferta preténdese ‘poñer en valor recursos e zonas da cidade ata o de agora descoñecidos ou infrautilizados, que teñen sen embargo un alto interese e que poden contribuír a diversificar a imaxe de Santiago e alongar a estancia media dos visitantes’.

Para a difusión deste produtos comercializados por Compostur, Turismo de Santiago presenta así mesmo un folleto que será distribuído entre turoperadores e axentes de viaxes, e ao longo do Camiño de Santiago, co fin de motivar aos futuros visitantes antes da súa chegada á cidade.

As visitas guiadas polos conventos
Turismo de Santiago ofrecerá desde o 6 de xullo e ata o 30 de setembro unha visita guiada por tres dos cinco conventos de clausura da cidade, os das mercedarias, dominicas e clarisas.

As visitas realizaranse ás 10:30 da mañá dos xoves (en castelán) e sábados (en inglés) con saída desde Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) e por un prezo de 5 euros.

Con esta nova visita guiada, de altísimo interese, trátase de achegar aos participantes ao patrimonio e á forma de vida que se esconden tras muros e celosías. De feito, será o guía que, recollendo as chaves polos tornos, abra as portas destas igrexas -recentemente restauradas polo Consorcio de Santiago- en exclusiva para os visitantes.

Ademais de información sobre as especialidades reposteiras e outros labores das monxas, incentivarase a comprensión da vida conventual, da historia das ordes relixiosas que os habitan e da importancia da música e do canto nos oficios, tanto nos conventos visitados como nos das carmelitas e benedictinas, sobre os que se facilitan horarios de apertura e dos oficios.

Para esta experiencia piloto Turismo de Santiago contou coa colaboración inestimable das propias ordes e da Arquidiocese.

A visita guiada, acompañada da edición do folleto específico, pretende ser só o primeiro paso dun proxecto máis amplo para poñer en valor o patrimonio relixioso da cidade. O proxecto ‘Domus Dei’ (casas de Deus, en latín), quere abranguer nun futuro a ampliación dos horarios de apertura dos monumentos relixiosos, mellora da información sobre horarios de apertura (tanto para visitas como para oficios) e deseño de novas rutas que faciliten o seu coñecemento.

Visitas guiadas á arquitectura contemporánea
Entre o 5 de xullo e o 30 de setembro Turismo de Santiago ofrece tamén unha visita semanal bilingüe pola arquitectura contemporánea da cidade, que terá lugar todos os mércores ás 11 da mañá e custará 5 euros.

O itinerario parte do Centro Galego de Arte Contemporánea e percorre o parque de Bonaval, a avenida de Xoán XXIII, o Auditorio de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación, para deixar constancia da obra que veñen realizando en Santiago de Compostela arquitectos de fama internacional como Siza, Eisenman, Kleihues, Hejduk, Portela o Nouvel.

A visita –similar ao do programa ‘Vivir Compostela’ en 2002- non só ensinará a apreciar os edificios de arquitectura contemporánea, senón tamén as actuacións urbanísticas que permiten o diálogo entre as novas pedras e o patrimonio histórico, e que tanto recoñecemento lle outorgan a Santiago.

Outras visitas guiadas e excursións
Ata o 30 de setembro poderán contratarse así mesmo as visitas guiadas en inglés, que se ofrecen os martes e venres ás 12 horas desde a rúa do Vilar, 63, por 10 euros.

A consolidación desta visita, que se ofreceu xa no verán do pasado 2005, responde ao crecente número de visitantes de fala estranxeira, e en especial británicos, que ten a cidade.

Completan a oferta de verán a visita guiada gravada en mp3, agora dispoñíbel en alemán, italiano e francés, ademais de castelán e inglés; e as excursións de día completo por Galicia, con destinos como Costa da Morte-Fisterra, Rías Baixas-Salnés e Ribeira Sacra-Cañóns do Sil distribuídos nos 7 días da semana.

O crecente éxito deste produto, que en principio se planeou só para temporada alta (Semana Santa ata primeiros outubro) levou a que na pasada temporada baixa se mantivese con carácter ordinario todos os sábados do ano a excursión a Fisterra, calendario anual ordinario que moi probablemente se ampliará en breve coa inclusión de novos itinerarios.

Compartir: