MOBILIDADE

A xornada de intensas choivas e vento obrigou a reforzar os servizos municipais de seguridade e emerxencia

22/10/2013 O concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Bello, deu conta das principais incidencias da última tarde-noite de choiva e vento, na que se recolleron uns 94 litros por metro cadrado, con rachas de vento de 44 km/h. Esta situación, que obrigou a decretar a alerta laranxa por Emerxencias de Galicia, provocou diversas bolsas de auga, inundacións en baixos e locais comerciais e caídas de árbores e muros.

Esta situación climatolóxica obrigou a reforzar a presenza de efectivos de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil, que estiveron atendendo durante toda as incidencias producidas. En especial, o concelleiro destacou como "momento complicado" en torno ás 20:00 horas, no que se produciu unha saturación de chamadas na Policía Local e os Bombeiros tiveron que priorizar as súas saídas ante o número de incidencias acontecidas. No dispositivo tamén participaron as diferentes concesionarias de servizos municipais.

A modo de resumo, Luis Bello salientou as bolsas de auga producidas en zonas como Pelamios, Castiñeiriño, Burgo das Nacións, Concheiros, Entrerríos, Carme de Abaixo ou Costa Vella; caídas de muros na Amañecida ou Figueiras; e caídas de árbores en San Lourenzo, Grixoa, Marzo, Aríns ou Figueiras. A isto hai que sumar inundacións en baixos e locais comercias en varias partes da cidade. Nesta mesma mañá, os Bombeiros tiveron que saír a achicar auga dunha sala inundada do Centro Sociocultural das Fontiñas.

Compartir: