CENTROS SOCIOCULTURAIS

Comeza o obradoiro de guión cinematográfico de Compostela Cine Classics

21/10/2013 Continúan unha semana máis as actividades do programa Compostela Cine Classics, promovido dende a Concellería de Centros Socioculturais. O xoves 24 de outubro comezará no Centro Sociocultural do Ensanche o Classicobradoiro para adultos sobre guión cinematográfico.

Este obradoiro continuará os días 30 de outubro, e 6 e 13 de novembro, en horario de 19:30 a 22:00 horas. Será impartido polo director e guionista santiagués Alfonso Zarauza, quen achegará os participantes á tarefa creativa da produción dos guións cinematográficos.

As proxeccións do ciclo seguirán o venres 25 de outubro, ás 20:30 horas, na Sala Agustín Magan do Centro Sociocultural de Santa Marta, desta vez co filme Metrópolis (1927), de Fritz Lang. Finalizado o pase (123 min) desenvolverase a habitual sesión de Café con cine, nesta ocasión na compaña de Angel Luis Hueso Montón, catedrático de Historia da Arte e Historia do Cine da USC.

Na xornada do domingo, a Sala Agustín Magán acolleu o exitoso concerto familiar Fantasia animada, a cargo da Banda Municipal de Música. Completouse o aforo da sala e o público gozou da música e das imaxes dos filmes que se proxectaban na pantalla da sala en paralelo.

Compartir: