ECONOMÍA

Destacados relatores nacionais e internacionais participarán nunha xornada dedicada á experiencia do cliente

21/10/2013 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou a primeira Conferencia Internacional da Experiencia do Cliente, Feeling Brands, que se celebrará o 8 de novembro. Estivo acompañada por Dolores Diz e Fernanda Fernández, da axencia Más Valor (organizadora do evento) e polo director da Área de Santiago de Novagalicia, Jesús Soto.

No contexto social e económico actual, o cliente está máis informado que nunca, busca facerse oír e obter ademais o máximo beneficio da súa decisión de compra. Para as empresas e emprendedores, diferenciarse, conseguir a súa atención e a súa fidelidade, é o gran reto. Unha tarefa complicada pero non imposible. Centrarse non tanto en que ofrecer, senón en como ofrecelo é a clave do éxito.

É aquí onde xorde a necesidade de xestionar a experiencia do cliente, unha tendencia global na que se enmarca esta I Conferencia Internacional de Experiencia do Cliente, Feeling Brands que se celebrará o venres 8 de novembro en Santiago de Compostela co patrocinio do Concello de Santiago.

A xornada, que se desenvolverá no Auditorio de Novagalicia Banco, estará dedicada á experiencia do Cliente e a todos os aspectos relacionados con este campo: branding, deseño, consumer insight, marketing. Haberá tamén unha presentación de casos de éxito nacionais e internacionais.

Feeling Brands contará con relatores de gran relevancia nacional e internacional: Javier Goyeneche (fundador de Fun&Basics e Ecoalf, España), Trevor O’Hara (fundador de Renarc, Blueventus e One City, Vancouver), Karan Khemani (fundador de Bugscore, Reino Unido), Ignacio Ciocchini (vicepresidente de Deseño en Chelsea Improvement Company), Dolores Diz (fundadora de Más Valor, España) e Iván Cotado (fundador de Diseño Iván Cotado). Eles encargaranse de achegar a experiencia das súas propostas baseadas na innovación, dende roupa sostible feita a partir de lixo, a redes de coworking a nivel mundial, pasando por deseño de mobiliario urbano intelixente ou una plataforma web onde comparar e puntuar calquera produto, negocio ou servizo do mundo.

Haberá tamén unha mesa redonda con empresas e profesionais de Galicia que fixeron da experiencia do cliente a columna vertebral do éxito do seu negocio. Serán Ramón Conde Cordal, fundador de El Cercano; Diego Carracedo, de Marcasparapymes; María Estévez, de NutriUp; ou o recoñecido chef Marcelo Tejedor.

Galicia como epicentro do marketing de experiencias
Galicia ten un forte compoñente de comercio, turismo e hostalería na súa creación de riqueza. Son sectores estratéxicos que deben potenciar a calidade do servizo, a innovación na oferta e a creación de experiencias únicas para posicionar esta comunidade no mercado nacional e internacional. Conectar co cliente, implicalo e construír unha relación sólida baseada en emocións é a base do marketing experiencial.

Con esta primeira Conferencia Internacional Feeling Brands preténdese situar no mapa galego esta tendencia e concienciar ás empresas da necesidade fundamental de incluíla no seu plan de desenvolvemento.

Direccións relacionadas



Compartir: