CULTURA

O Teatro Nacional Dona María de Lisboa chega ao Principal os días 25 e 26 de outubro na súa primeira actuación en Galicia

21/10/2013 A compañía do Teatro Nacional Dona María II (TNDM) de Lisboa visitará Galicia por vez primeira para presentar os días 25 e 26 de outubro en Santiago, no Teatro Principal, o espectáculo Gil Vicente na horta. Chega da man da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Santiago dentro da relación entre os teatros públicos de Galicia e Portugal e para afondar na promoción da lusofonía desde o ámbito da escena.

As funcións terán lugar ás 21:00 horas no Teatro Principal. Foi precisamente este espazo escénico o que acolleu o acto de presentación das funcións, coa participación de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego; e José Víctor Carou, director xerente do Auditorio de Galicia; e ao que tamén acudiron Carlos Vargas, presidente do Consello de Administración do TNDM II, e João Mota, director do espectáculo.

O Dona María, un dos centros teatrais máis emblemáticos da capital lusa, estréase así diante do público galego e faino cunha produción de gran formato sobre o autor clásico por antonomasia do teatro portugués, Gil Vicente, e da man de João Mota, un dos máis recoñecidos directores de escena na actualidade no país veciño.

Gil Vicente na horta é unha montaxe construída a partir de O velho da horta e outros textos de Gil Vicente, autor clásico da lingua portuguesa e primeira figura literaria que fai a transición da Idade Media ao Renacemento. Nesta farsa, que foi presentada ao Infante Don Manuel no ano de 1512, exáltase a vitoria da xuventude fronte á vellez e á morte, ao tempo que o espectador asiste a unha intriga deseñada dun xeito moi enxeñoso e ao reencontro coa serie alegórica de personaxes vicentinas, coas súas cuestións metateatrais e co seu habitual tratamento sobre sátiras e costumes.

Peza de enredo
Nesta versión escénica, que asina tamén João Mota, asístese a unha peza de enredo na que se desenvolve unha acción continua e encadeada, a través dun personaxe marcado polo conflito entre a razón e o sentimento amoroso. A partir do soño-pesadelo do Velho, evócanse neste espectáculo algunhas das máis importantes obras de Gil Vicente, tales como Todo o mundo é ninguém, Barca do inferno, Auto da cananeia, Auto da alma, Auto da festa, Auto pastoril português, Tragicomédia do Inverno e Vero e Auto da Índia.

Así, a intemporalidade da obra de Gil Vicente é recuperada neste espectáculo popular, sagrado e á vez profano, que atravesa o tempo ata hoxe cunha cativadora perspectiva sobre a sociedade contemporánea.

Elenco de 14 actores e actrices
Para a súas representacións en Santiago, o Teatro Nacional Dona María II desprazará á súa compañía itinerante, composta por 14 actores e actrices (João Grosso, José Neves, Lúcia Maria, Manuel Coelho, Maria Amélia Matta, Bernardo Chatillon, Joana Cotrim, Jorge Albuquerque, Lita Pedreira, Luís Geraldo, Marco Paiva, Maria Jorge, Miguel Curiel e Simon Frankel).

A montaxe conta con figurinos de Carlos Paulo, deseño de iluminación de José Carlos Nascimento e dirección musical de Hugo Franco.

De xeito paralelo ás representacións están previstas tamén outras accións de difusión, como por exemplo un encontro cun dos actores protagonistas, João Grosso, con alumnos de portugués da Escola Oficial de Idiomas de Santiago.

Entradas
As entradas para asistir ás dúas funcións, que comezarán ás 21:00 horas, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Tamén están dispoñibles na venda electrónica a través da web www.entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 434 443.

Compartir: