COMERCIO

O pequeno comercio compostelán exhibiu e vendeu as súas coleccións outono-inverno na xornada "Estrea Estilo!"

19/10/2013 Trinta e catro establecementos comerciais da cidade participaron na iniciativa Estrea Estilo!. Nesta xornada de dinamización, o pequeno comercio compostelán presentou, exhibiu e vendeu as novas coleccións outono inverno 2013-2014 en diversos espazos do Hotel Eurostars Araguaney. A concelleira de Comercio, Reyes Leis, visitou os establecementos e asistiu á entrega de agasallos.

Foron 34 os establecementos comerciais que participaron na xornada: Catrineta & Cía, Actuality, Allegra Shop, Como Pez en el Agua, Cuplé, El Taller de Fer, Simplemente Luna, El Vestidor de Alicia, Kookaï-Naf Naf Santiago, Celme, LioLio, Compañía Cervexeira Peregrina, Gastroteca SCQ, Mokasu, Vide, Vide!, Dándara, Maná Malú, Intersport Amancio, Patucos&Co, A Cesta da Saúde, Bulideira, Kiedis, Spiral, Balcondemoda, Gábbata, Freesite, O Pazo das Musas, De Cotío, Óptica Tábora, Ela Diz, Frisée, Seijas, Toxo e O Bandullo do Lambón.

A xornada Estrea Estilo! levou a un contexto elegante e atípico as novas coleccións de moda, deseño, complementos, etc. dos comercios da cidade, en 17 espazos do Hotel Eurostars Araguaney. Desta forma, os visitantes puideron realizar un atractivo circuíto por 15 habitacións e dous salóns do hotel convertidos nunha pequena fiestra ao universo de novidades que cada establecemento quería presentar aos seus clientes.

Os produtos de moda téxtil e moda calzado expuxéronse en habitacións do 3º, 5º e 6º piso, onde os visitantes tiveron a oportunidade de probar as prendas nos aseos habilitados a modo de probador e efectuar as súas adquisicións a prezos especiais e rodeados de incentivos e sorpresas, facendo rendible o seu tempo de ocio e compras nunha xornada lúdica e innovadora chea atractivos.

No caso das novidades en complementos e delicatessen, os produtos exhibíronse en pequenos stands individuais na Galería de exposicións do hotel, amenizados por música en directo, ambientación musical por parte dun DJ, degustacións e sorteos que propiciaron as vendas nun ambiente distendido e alegre no que os visitantes puideron, ademais, retratarse no photocall.

Os clientes estableceron así un contacto directo coas pezas de nova colección, que estiveron expostas de forma atractiva e orixinal, e tamén cos comerciantes que, tras recibilos, explicáronlles a súa persoal visión das novas tendencias sorprendéndoos con rifas para sorteos de agasallos, vales para ao acceso aos servizos complementarios planificados pola organización e outras sorpresas que de forma voluntaria ofreceron os comercios participantes.

Para concluír a visita, os participantes da xornada Estrea Estilo! puideron acudir ao Salón Rahid do Hotel Eurostars Araguaney, no que gozaban de servizos complementarios gratuítos baixo demanda (gardería-ludoteca para cativos de entre 3 e 12 anos durante un máximo de 1h e 30’ e servizo de personal shopper), así como vales-agasallo para os que realizaran compras aos comerciantes participantes: sesións de asesoría de imaxe, pintado e decoración de unllas e maquillaxe día ou noite.

Ademais, ao longo da mañá e da tarde celebráronse diversas degustacións de produtos galegos e sorteos de agasallos patrocinados polos comercios participantes, así como actuacións musicais a cargo de: The Lákazans, Lou Reyes & Germán Prieto e Álex Casanova, para rematar cun brinde e sorteo final.

Compartir: