MEDIO AMBIENTE

O Concello e a Consellería de Medio Ambiente asinan un convenio para o saneamento integral de 25 núcleos do municipio

04/07/2006 O protocolo asinado polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e o alcalde compostelán garante o saneamento estructural dos núcleos rurais en tres anos.

A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Santiago investirán 12 millóns de euros ata o ano 2009 para acabar o saneamento de 25 núcleos de poboación do municipio. Así se recolle no protocolo de colaboración que hoxe asinaron no Auditorio de Galicia o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, o alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo e o presidente e o director de Augas de Galicia, Jorge Antonio Santiso e José Luis Romero, respectivamente. O titular do departamento autonómico pretende abordar así, dun xeito integral, o saneamento do termo municipal.

As obras deste protocolo, serán financiadas nun 70% con cargo aos orzamentos de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e nun 30% con cargo aos orzamentos do Concello de Santiago. A Consellería de Medio Ambiente, tal e como se recolle no protocolo asinado hoxe, licitará, adxudicará e xestionará todas as obras previstas ao longo do período 2006-2009.

O protocolo, que a Consellería de Medio Ambiente tamén asinará en outras cidades de Galicia, como xa se fixo en Lugo o pasado 2 de xuño, corrixirá dun xeito estructural as carencias en materia de saneamento que sofren os principais concellos galegos nos seus ámbitos rurais.

As actuacións obxecto do protocolo corresponden coa dotación do servizo de saneamento a un total de 25 núcleos, se ben a lista de obras incrementarase o longo do desenvolvemento do protocolo en función das prioridades sinaladas polo propio concello.

Os núcleos obxecto de mellora son Grixoa (Marzo de arriba), Grixoa II (San Xoán de Fecha), Bargo, Peregrina, Aradas, Roxido, Lamascal, Fontoade, Camouzo, Miramontes, Lavacolla, Arines Marrozos, Barciela, Marantes, Nemenzo I, Nemenzo II, Cesar, San Xoán de Fecha, Busto, Sionlla, Berdía, Santa Cristina de Fecha, Enfesta, Reboredo e arballal

Ademais das obras mencionadas, o protocolo recolle todas aquelas actuacións complementarias necesarias para facer efectiva a execución das obras, é dicir, os proxectos, direccións de obra, asistencias técnicas así como as expropiacións de bens e dereitos que sexa preciso realizar.

Outros investimentos
O protocolo asinado esta mañá eleva a máis de 20 millóns de euros os investimentos que a Consellería de Medio Ambiente está a realizar na cidade compostelá. En materia de augas, o departamento autonómico está a executar obras de mellora no Tambre, mediante a construcción dunha Estación de Tratamento de Auga Potable (Etap), e na conca do Aróns, na que se está a realizar un colector xeral e un Estación de Augas Residuais. Ambos proxectos suman un orzamento de 6,4 millóns de euros.

Así mesmo, a través da dirección xeral de Conservación da Natureza estase a realizar un investimento de 300.000 euros na mellora das instalacións do centro de recollida de animais.

Por último, o departamento de Calidade e Avaliación Ambiental está a levar a cabo actuacións que rondan os 2 millóns de euros, como son o selado do vertedoiro e a construcción dun punto limpo, así como a instalación de catro illotes de contedores soterrados.

Compartir: