BENESTAR SOCIAL

Asinados dez novos convenios de colaboración con entidades sociais

18/10/2013 Se na xornada precedente se asinaran sete convenios con outras tantas entidades sociais, desta vez foron dez as asociacións coas que subscribiu convenios municipais a concelleira de Benestar Social, María Castelao. O Concello destina neste exercicio 2013 case 400.000 euros a estas subvencións nominativas para programas das entidades sociais da cidade.

Unha das entidades coas que o Concello renova a súa colaboración é a Asociación Down Compostela. Achega 6.400 euros para o seu Programa de Logopedia e Linguaxe. Esta iniciativa busca mellorar a capacidade de expresión oral das persoas con discapacidade para favorecer a súa integración social.

A Asociación de Dano Cerebral "Sarela" recibirá 2.000 euros para o seu Programa de Integración Comunitaria, que busca a adquisición por parte dos afectados por este tipo de doenzas daquelas habilidades necesarias para manexarse axeitadamente na comunidade e integrarse nela, así como a mellora da calidade de vida tanto deles como das súas familias.

No caso do Centro Cultural e Social Xoán XXIII, o Concello achega 40.000 euros destinados basicamente ao seu servizo de aloxamento e acollida nocturna e diúrna para transeúntes e persoas en situación de emerxencia social ou sen fogar.

O importe que recibirá a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) é de 4.600 euros. Esta subvención servirá de apoio ao servizo de comedor nos centros da entidade. Así, o comedor do centro ocupacional e o centro de día serve unha media de 100 comidas diarias de luns a venres, mentres que nas vivendas do centro ocupacional funciona a cociña de luns a venres para servir o almorzo e a cea a 25 persoas con discapacidade intelectual. Hai que sumar igualmente o centro de Laraño, que funciona para 35 internos con almorzo, xantar, merenda e cea.

Cáritas ten asignada unha achega municipal de 70.000 euros para o seu Programa de Atención Primaria, un servizo no que se atende todo tipo de necesidades e a persoas de todas as idades e colectivos. Realízanse seguimentos de casos, tramitación de prestacións, visitas domiciliarias, asesoramento, derivacións, buscas de emprego, etc. En moitas ocasións, estas atencións teñen que ir acompañadas de prestacións económicas para alimentos, medicamentos, alugueiros, recibos de subministracións ou desprazamentos.

Outro colectivo que recibirá unha subvención, de 12.000 euros, é o Banco de Alimentos Rías Altas, co fin de colaborar nas súas actividades de distribución e transporte de alimentos. Diariamente, este Banco capta e recolle alimentos doados por provedores ou polos fondos agrarios e distribúeos entre as diferentes entidades beneficiarias. Ademais, organiza diversas colectas de alimentos en grandes superficies.

Tamén se asinou convenio coa Asociación Galega de Lupus (AGAL), por importe de 2.000 euros. Neste caso, o acordo fixa a colaboración co servizo de información, xestión e asesoramento desta entidade, que actúa frecuentemente como intermediario, facilitando o acceso, a comunicación e a derivación, nos casos en que é posible, aos recursos do sistema ordinario. Se isto non é posible, busca outras canles a través de recursos alleos ou propios.

Cruz Vermella tampouco falta cada ano entre as entidades beneficiarias de subvención municipal. Así, achéganse 22.000 euros para os programas de Axuda a Domicilio Complementaria, Proximidade Local, Teleasistencia Domiciliaria e Envellecemento Activo: Redes Sociais.

No caso da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, o Concello axudará na realización de programas educativos para o tempo libre de rapaces e mozos (Proxecto Tardes en Papaventos), que se desenvolven ao longo de todo o curso escolar. A subvención é de 3.000 euros.

Finalmente, subscribiuse o convenio municipal coa Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home, que recibirá 42.000 euros. A colaboración establécese para dous programas, o de Cocaína e o de Terapia Familiar. O primeiro ten o obxectivo de favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas adictas aos psicoestimulantes que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou poden recuperala sen demasiadas complicacións. O Programa de Terapia Familiar realízase con dous fins: que a familia saiba moverse eficazmente na nova situación creada a partir do ingreso dun familiar no programa e que atope ela mesma espazos axeitados.

Compartir: