NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello colabora un ano máis no concurso de redacción "Falemos da nosa historia", do CEIP López Ferreiro

18/10/2013 O CEIP López Ferreiro, coa colaboración da Concellería de Normalización Lingüística, convoca un ano máis o seu concurso de investigación e redacción Falemos da nosa historia, certame dirixido a escolares do 3º ciclo de educación primaria e do 1º ciclo da ESO de calquera centro de Galicia.

O obxectivo deste certame é descubrir a nosa historia a partir de ditos, refráns, modismos, lendas..., de xeito que os nenos e as nenas participantes teñan que facer unha pequena investigación histórica a través de libros, enciclopedias, internet e outros medios. E tamén preguntando na súa casa aos seus ascendentes.

Esta décima edición organízase arredor do tema "Pedro Madruga", a partir do cal os alumnos e alumnas deberán descubrir a orixe deste dito e a súa explicación histórica. As redaccións, en lingua galega, terán unha extensión máxima de tres folios, escritos a man e por unha soa cara. Poden acompañarse tamén de ilustracións gráficas e deberán presentarse baixo pseudónimo.

O prazo de entrega dos traballos vai do 1 ao 28 de febreiro de 2014 e terán que enviarse, consonte as bases, ao CEIP López Ferreiro, indicando que van dirixidos ao Concurso Falemos da nosa historia.

O xurado, composto por persoeiros de recoñecida traxectoria no eido da historia e das humanidades, poderá outorgar tres galardóns que se acreditarán mediante un diploma. Os premiados recibirán tamén unha cerámica e os agasallos cos que colaboran o Concello de Santiago e as Fundacións Nova Caixa Galicia e Barrié de la Maza. O traballo seleccionado co primeiro premio será publicado na revista do centro.

Documentos relacionados



Compartir: