XUNTA DE GOBERNO

Iníciase o procedemento para dotar de novas áreas infantís as prazas de Galicia e de Vigo

17/10/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o inicio do expediente de contratación das obras e subministro de equipamento para as áreas infantís da praza de Galicia e da praza de Vigo. Tamén se adxudicaron sete das obras en parroquias do rural do Plan de Obras e Servizos (POS 2013) da Deputación da Coruña.

No caso da praza de Galicia, o importe do equipamento da área infantil é de 124.145 euros. Deste xeito, esta área da cidade, de importante tránsito de vehículos e persoas, contará cun aspecto máis humanizado, coa instalación dun parque infantil na superficie, enriba do estacionamento soterrado. Tamén se mellorará o axardinamento.

O custo do proxecto da praza de Vigo é de 123.479 euros. Ademais dun parque infantil, instalarase un circuíto saudable, con axardinamento e mobiliarios renovados.

POS 2013
No capítulo de obras, adxudicáronse sete das previstas nas parroquias do rural no marco do POS 2013. Son as seguintes: ampliación da rede de saneamento no lugar de Silvouta (20.650 euros); mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Sabugueira (70.000 euros); ampliación da rede de abastecemento e saneamento no lugar de Lavacolla- Sabugueira (40.520 euros); mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Marantes (37.387 euros); mellora e acondicionamento de vieiro no Eixo- San Cristovo (23.920 euros); mellora e acondicionamento de vieiro na parroquia de Bando (38.813 euros); e mellora e acondicionamento de vieiro en Frades- A Barciela (31.097 euros).

Cidade Histórica
Na sesión tamén se aprobou o proxecto de varias intervencións que van realizar na Cidade Histórica: obras de reurbanización da Costa de San Clemente - Travesía de Fonseca (20.312 euros); equipamento do paseo literario no parque da Alameda (1.800 euros), colocación de varandas nas escaleiras das rúas Raxoi, Arco do Pazo e Vía Sacra (8.500 euros) e reordenación do entorno do Campiño de San Francisco e Costa Vella (12.360 euros).

Documentos relacionados



Compartir: