BENESTAR SOCIAL

O Concello destina case 400.000 euros a subvencións para entidades sociais da cidade

17/10/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asinou seis convenios de colaboración con entidades sociais: Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), Voluntarias da Caridade-San Vicente de Paúl, Cociña Económica, Cáritas Diocesana de Santiago (Programa Vagalume), Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia) e Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais. Estes seis acordos supoñen unha achega municipal aos programas destas entidades por importe de 90.500 euros.

En vindeiras semanas continuarán a asinarse os demais acordos con entidades sociais, cuxa contía se mantivo neste exercicio nun total de 396.400 euros. Esta cantidade é a mesma que en 2012, ano no que se duplicaran as axudas para estes colectivos respecto a 2011 (198.101 euros). O Goberno municipal manterá este compromiso coas asociacións do ámbito social nos orzamentos de 2014.

Respecto aos convenios asinados desta vez, destínanse 3.700 euros á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, en concreto ao seu Programa de Rehabilitación Logopédica. Ademais, o Concello ofrécese como entidade colaboradora para acoller a persoas que están a realizar traballos en beneficio da comunidade como forma de integración social.

O principal obxectivo do programa é mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por Esclerose Múltiple (EM) e Esclerose Lateral Amiotrófica(ELA). Préstase un servizo de prevención, diagnostico, prognostico, tratamento, avaliación e estudo científico da comunicación humana (fala, linguaxe e audición), dos trastornos da deglutición e doutros asociados.

No caso das Voluntarias da Caridade – San Vicente de Paul, o Concello colaborará nos seus servizos de entrega gratuíta de alimentos, de roupeiro (entrega de roupa nova ou en bo uso doada por comercios ou particulares a familias en situación de precariedade económica) e noutras atencións (casos urxentes de aluguer de vivenda, pagamentos de recibos de subministracións a beneficiarios en situacións límite, pago de gastos en uniformes, matrícula, comedor ou material escolar e óptico a nenos e nenas, procura de traballo a persoas...). A achega municipal é de 4.600 euros.

Outra entidade beneficiaria dunha subvención municipal, de 42.000 euros, é a Cociña Económica. O Concello colabora co seu programa para garantir as necesidades de manutención básica de persoas sen recursos. Para levar a cabo o seu labor, a Cociña Económica dispón dun local duns 447 metros cadrados, con comedor, cociña e salóns, e dun centro social de día.

A contribución municipal a Cáritas Diocesana de Santiago (34.000 euros) destínase ao Proxecto Vagalume, que ten como obxectivo o acompañamento a mulleres en contextos de prostitución. Trátase de dotar a estas mulleres de habilidades e aptitudes que faciliten o desenvolvemento persoal e a adquisición de autonomía para desenvolver procesos de socialización axeitados, co fin de diminuir a vulnerabilidade e o risco de exclusión social.

O Concello colabora con FEAFES Galicia no seu Programa de atención integral a persoas con enfermidade mental e as súas familias en Santiago. Consiste fundamentalmente en accións de rehabilitación psicosocial e apoio comunitario.

En Feafes préstanse servizos como xestión de prestacións económicas, solicitude de certificados, apoio psicolóxico, asesoría xurídica, programas de lecer e deportes, apoio na busca de emprego, etc. O convenio asínase por un importe de 2.700 euros.

Finalmente, asinouse o acordo polo que a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais recibirá 3.500 euros para o seu programa de respiro familiar. Os obxectivos xerais deste programa son: proporcionar períodos de descanso ás familias e mellorar as relacións familiares das persoa que padecen unha enfermidade coa familia).

En todos estes convenios, o Concello ofrécese tamén como entidade colaboradora para acoller a persoas que están a realizar traballos en beneficio da comunidade como forma de integración social.

Compartir: