EDUCACIÓN

Un programa pedagóxico promove a posta en valor das 13 cidades Patrimonio da Humanidade entre os seus escolares

17/10/2013 A Concellería de Educación propón aos centros escolares do municipio con alumnado de 6º de Primaria e de Secundaria a participación no programa A escola adopta un monumento. O patrimonio como recurso educativo, unha iniciativa que pretende dinamizar o coñecemento do patrimonio histórico, arquitectónico e natural das 13 cidades membros do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España: Santiago de Compostela, Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona e Toledo.

Segundo explicou a concelleira de Educación, María Castelao, cada grupo de traballo do centro educativo deberá concretar a súa participación mediante un proxecto relacionado con monumento elixido en adopción, especificando as actividades a desenvolver. Así, cada grupo traballará sobre un elemento patrimonial da cidade, investigando sobre a súa orixe, evolución histórica, etc.

Ademais, o grupo terá que asumir a condición de anfitrión, especificando as actividades que ofrecería ao grupo de alumnos e alumnas do centro escolar da cidade visitante, se fose seleccionado como tal grupo anfitrión.

En base a estes dous apartados, o xurado avaliará as propostas presentadas polos centros educativos solicitantes, elixindo o grupo de Santiago de Compostela que actuará como anfitrión e que realizará a viaxe á cidade Patrimonio que se lle asigne por sorteo.

Os centros escolares interesados deben solicitar a súa participación no programa enviando a ficha de inscrición ao Departamento de Educación antes do 8 de novembro de 2013. Comunicada a decisión de participación no programa, disporán ata marzo de 2014 para concretar máis detalladamente a súa proposta, que será obxecto de avaliación por un xurado constituído ao efecto.

Direccións relacionadas



Compartir: