TURISMO

Reunión da Comisión de Promoción, Representación e Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade

16/10/2013 Celebrouse na sede de Turespaña en Madrid unha reunión de traballo da Comisión de Promoción, Representación e Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A concelleira de Turismo, Reis Leis, asistiu a esta Comisión, presidida polo alcalde de Toledo e presidente do Grupo, Emiliano García-Page.

Entre os temas tratados nesta reunión ordinaria, que se iniciou cun repaso ás diversas actuacións de promoción nacional e internacional levadas a cabo polo Grupo no último trimestre e unha revisión das aínda programadas ata fin de ano, destacaron a formulación de novas ideas a incorporar ao Plan Operativo de Turismo de 2014, o estado do programa de turismo idiomático como novo produto que se comercializará en breve, os paquetes promocionais con Renfe e Paradores, a intensificación da promoción nos mercados emerxentes e novas campañas para atraer o viaxeiro nacional aos 13 destinos.

Por último, a Comisión fixo tamén balance das actividades desenvolvidas con motivo da celebración do 20 aniversario do Grupo que se concentraron principalmente no mes de setembro, incidindo especialmente no aspecto da comunicación exterior, que se saldou cunha magnífica resposta dos medios de comunicación locais e nacionais, que se fixeron eco de todas os actos organizados e que dedicaron numerosos espazos aos 13 destinos turísticos patrimoniais. Así mesmo, analizáronse os bos datos estatísticos crecentes tanto de visitas da renovada páxina web do Grupo coma das redes sociais postas en marcha dende xullo deste ano.

Compartir: