ECONOMÍA

Ábrese o prazo de inscrición para as Xornadas Formativas Santiago Investors Support do mes de novembro

16/10/2013 A Concellería de Economía abre o prazo de inscrición, a través da súa web cersiaempresa.org, para dous seminarios e dúas xornadas formativas que se desenvolverán durante o mes de novembro dentro do programa Santiago Investors Support. As actividades, gratuítas, destínanse a emprendedores, traballadores e estudantes universitarios ou de formación profesional.

O primeiro dos seminarios, Aposta por ti: redes sociais e networking para profesionais liberais, de 40 horas de duración, ten como obxectivo formar a freelances e profesionais liberais independentes na construción e xestión TIC da súa marca persoal.

Os temas que se tratarán son: Autoemprego 2.0; Construir a marca persoal; As redes sociais xeneralistas e sectoriais; Buscar empregos e proxectos en internet; A web; Blog do profesional; Networking empresarial. A actividade realizarase nas instalacións do edificio municipal Cersia durante a primeira quincena de novembro en horario de 16:00 a 20:00 horas.

O segundo do seminarios, Aposta polo teu persoal: curso de intelixencia emocional e especialista en coaching, pretende formar ás persoas con responsabilidades na súa organización en materia de xestión de persoal para mellorar a xestión das súas propias emocións e recoñecer mellor as emocións dos demais.

As materias a tratar son: Introdución á intelixencia emocional; Desenvolvemento da intelixencia emocional; Coaching: concepto e procesos; Como realizar unha sesión de coaching. A actividade, de 40 horas de duración, terá tamén lugar no Cersia durante todo mes de novembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

As dúas xornadas formativas celebraranse os días 5 e 14 de novembro. A primeira será Mercadotecnia, descifrando as 4Ps, centrada no coñecemento dos conceptos básicos de mercadotecnia e a súa aplicación práctica na estratexia empresarial. A segunda das xornadas é Comunicación emocional, centrada no coñecemento dos diferentes tipos de comunicación e o seu uso correcto no contexto profesional.

Compartir: