SEGURIDADE CIDADÁ

As zonas de estacionamento para residentes de Santa Marta e Pelamios-Vista Alegre poranse en marcha o 1 de novembro

16/10/2013 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, anunciou a entrada en funcionamento, o 1 de novembro, das zonas verdes de estacionamento reservado para residentes de Santa Marta (zona 9) e Pelamios-Vista Alegre (zona 8). Entre as dúas áreas sumarán 108 prazas.

No caso de Pelamios e Vista Alegre, reservaranse 37 prazas para estacionamento 24 horas e outras 18 para estacionamento reservado durante a noite e libres polo día. 287 prazas seguirán sendo de aparcamento totalmente libre. Neste barrio xa se concederon 103 tarxetas de residente.

Santa Marta contará con 53 prazas reservadas para residentes durante as 24 horas. Outras 183 prazas seguirán sendo de libre estacionamento.

O proceso de retirada de tarxetas comezará este mesmo xoves. Os veciños con tarxeta concedida poden pasar a retirala na sede de Setex Aparki (avenida de Lugo, 4) en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres, e de 10:00 a 14:00 horas os sábados.

Ata o momento concedéronse 57 tarxetas en Santa Marta, se ben a previsión, segundo Luis Bello, é que se soliciten en torno a unhas 120. De non chegarse a esas cifras, reduciríase o número de prazas reservadas.

Renovación de oficio e vixilancia
O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para lembrar aos usuarios de tarxeta de residente que esta ten carácter bianual e que a renovación se realiza de oficio polo Concello unha vez comprobada a situación do vehículo.

Tamén indicou que hai un vehículo dedicado á vixilancia das zonas verdes. A propósito das infraccións que se producen polo mal uso destas áreas reservadas, anunciou que se está estudando a fórmula legal que permita a retirada de vehículos reincidentes, de xeito que, unha vez que o condutor vaia recoller o coche no depósito municipal, deba aboar todas as multas pendentes.

Estacionamento para vehículos de servizos
Finalmente, o edil confía en que antes de que remate este ano poida poñerse en marcha a expedición de autorizacións de uso da zona verde para vehículos de autónomos e empresas de reparacións e servizos. Trataríase dun permiso anual –gratuíto e concedido previa solicitude- grazas ao cal estes profesionais (de Santiago ou doutros municipios) poderían aparcar nas zonas verdes en horario comercial, de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Luis Bello cre que esta é unha medida necesaria, xa que se trata de beneficiar aos propios veciños de Santiago que demandan esas reparacións ou servizos.

Compartir: