EDUCACIÓN, DEPORTES E XUVENTUDE

Máis de 200 escolares aprenden as manobras básicas de reanimación cardiopulmonar

16/10/2013 Os concelleiros de Educación, María Castelao; de Deportes, Adrián Varela; e de Xuventude, Rebeca Domínguez, participaron na actividade para coñecer as técnicas de reanimación cardio-pulmonar (RCP) para escolares Reanima un corazón, que organizaron o Concello de Santiago e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 coincidindo co Día Europeo da Parada Cardíaca. Tamén asistiron a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o director do 061, José Antonio Iglesias. O evento, inicialmente previsto na praza da Quintana, celebrouse no pavillón de Santa Isabel a causa do mal tempo.

A actividade, destinada a escolares de 5º e 6º de Primaria consistiu nunha demostración e nun adestramento masivo arredor da reanimación cardio-pulmonar. O obxectivo é que os rapaces saiban como actuar ante unha posible parada cardio-respiratoria. Asistiron máis de 200 nenos e nenas de cinco centros educativos da cidade: CPRA A Milagrosa, Colexio Xuventude, CEIP Raíña Fabiola, Colexio San Xosé de Cluny e Colexio Vilas Alborada.

No adestramento masivo, os instrutores en soporte vital básico do 061 ensinaron aos nenos e nenas que cando unha persoa se desvanece, o primeiro é alertar ao 061 e, acto seguido, poñer en marcha a cadea de supervivencia, que consiste en ver se a persoa responde e respira ou non; e no caso de que non responda nin respire, débense iniciar as manobras de resucitación cardiopulmonar básica (RCP).

Tamén destacaron que o tempo para actuar e moi escaso. As manobras de RCP, é dicir, a masaxe cardíaca e ventilación débense comezar antes dun minuto, para conseguir que o afectado sobreviva sen secuelas. O instrutores insistiron en que, se se actúa dende o primeiro minuto en que se detectan os síntomas dunha parada cardíaca, as probabilidades de supervivencia superan o 70%.

Os escolares, que estiveron acompañados durante as prácticas polos seus profesores, recibiron un diploma acreditativo da súa participación.

Esencial para salvar vidas
Os estudantes son un grupo de poboación no que pode resultar moi eficiente a instrución en reanimación cardio-pulmonar (RCP) básica, pola súa capacidade de aprender e polos efectos da súa formación a longo prazo.

A capacidade para recoñecer as situacións de gravidade, chamar ao sistema de urxencias e facer unha reanimación básica ata a chegada da axuda, é esencial para salvar a vida da vítima. A aprendizaxe destas habilidades demostrou ser máis efectiva en idades temperás, especialmente nas comprendidas entre os 11 e os 13 anos.

En termos xerais, calcúlase que nin o 10% da poboación coñece as técnicas necesarias para actuar debidamente ante unha parada cardiorrespiratoria.

A morte súbita de orixe cardíaca constitúe unha das primeiras causas de mortalidade nos países do noso contorno. As evidencias científicas dispoñibles puxeron de manifesto que os dous factores que máis poden contribuír a aumentar a supervivencia despois de sufrir unha parada cardiorrespiratoria (PCR), son a reanimación cardiopulmonar inmediata (RCP) e de calidade, así como a desfibrilación precoz cando estea indicada.

Compartir: