ECONOMÍA

Chega a Santiago o concurso de emprendedores "Lánzate"

15/10/2013 O concurso de emprendedores Lánzate chega a Santiago de Compostela da man do Concello de Santiago e do Centro Comercial As Cancelas. O obxectivo final da iniciativa é apoiar aos emprendedores galegos e o desenvolvemento empresarial da cidade.

A firma do acordo polo que o Concello de Santiago se incorpora tamén ao proxecto Lánzate tivo lugar este martes, 15 de outubro, no CC As Cancelas e contou coa presenza da concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis; do xerente do CC As Cancelas, Abraham Cano; e de Manuel de Carlos, subdirector de Lánzate.

Os premios e categorías do concurso de emprendedores Lánzate Santiago de Compostela son:

Categoría innova, na que poden participar as persoas maiores de idade cunha idea de negocio ou empresas que teñan menos dun ano dende a súa alta no IAE.

Os premios son asesoramento e axuda para a posta en marcha; creación dunha imaxe corporativa, páxina web, vídeo corporativo e redes sociais; e participación nun curso de creación de empresa. O Concello de Santiago de Compostela tamén outorga un galardón ao gañador desta categoría. O premio consiste nun ano de aloxamento na modalidade terminal de traballo, co-working, na Cidade da Cultura.

Categoría de centros comerciais, onde poderá participar calquera persoa maior de idade que queira instalar o seu negocio no centro comercial. O premio consiste en nove meses de local gratuíto, financiamento, seguros e asesoría legal.

Lánzate é un ciclo de concursos para emprendedores que percorre diversas cidades de España coa finalidade de facilitar a creación de empresas e postos de traballo. Os candidatos de cada cidade dispoñen dun prazo de dous meses para presentar os seus proxectos de negocio, os cales serán valorados por un xurado local.

En cada cidade elixiranse uns gañadores e en decembro haberá unha gala final na que os gañadores de cada unha das sedes onde se desenvolveu Lánzate competirán tamén entre eles para conseguir premios destinados a axudar na posta en marcha das súas propostas. Baixo o lema "Ti pos a idea, nós as ferramenta", Lánzate quere axudar con premios que dean ese impulso a quen está a empezar e necesita dun apoio, un recoñecemento e dos medios necesarios para poder converter esas ideas nunha realidade.

Para poder inscribirse e ampliar a información do concurso, pode consultarse a páxina web www.proyectolanzate.es do 15 de outubro ao 1 de decembro de 2013.

Compartir: