TRANSPORTES

A liña que vai á Peregrina e Grixoa cambia de autobús

03/07/2006 A Praza do Obradoiro acolleu a presentación do novo autobús que cubrirá a liña que vai dende a Porta do Camiño á Peregrina e Grixoa. Este novo vehículo vén a dar cumprimento ao acordo polo que, dende o 1 de xullo, a empresa Autos Carballo presta este servizo de transporte, no marco do Plan de Transporte Comarcal.

Os usuarios non ven alteradas ningunha das condicións do servizo, tales como tarifas ou bonificacións sociais. Os horarios (que xa se poden consultar nos autobuses das liñas implicadas e na páxina web www.tussa.org) estabelecéronse da forma máis semellante posible aos actuais, tanto no caso de Grixoa como da Peregrina.

Deste xeito, o novo autobús seguirá facendo o percorrido entre a Porta do Camiño e A Peregrina, coa prolongación a Ponte Albar (Grixoa) a determinadas horas, pasando por Virxe da Cerca, Senra, Pombal, Galeras, Vista Alegre, Romaño, A Peregrina, O Bargo e Marzo de Arriba .

De todos os xeitos, para dar cobertura á zona norte da cidade (centro de saúde de Vite, IES Xelmírez e distintos centros xeradores de viaxeiros), estabeleceuse que certas viaxes teñan a súa orixe e o seu destino en San Caetano.

O autobús que a empresa utilizará é un autobús adquirido expresamente para este servizo, un Mercedes Benz carrozado por Setra, co que a comodidade e seguridade está garantida ao igual que no resto da rede de transporte urbano.

As cores do autobús seguen a mesma liña que os utilizados polas empresas Transportes Mosquera e Hermanos Ferrín, é dicir, a parte dianteira mantén a identidade do transporte urbano, e a metade traseira a identidade da empresa operadora, neste caso AUCASA.

Coa sinatura deste acordo e o comezo deste servizo, o Concello remata os acordos para a integración de todas aquelas liñas que formaban parte da rede de transporte da cidade e que se estaban a realizar por parte da empresa operadora do transporte urbano, malia non ter regularizada a concesión.

Compartir: