CULTURA

"O país do Pato Donald" en Teatro & Danza

15/10/2013 A Zona C acolle as propostas escénicas máis alternativas do ciclo Teatro & Danza. Tras a estrea do guateque global Mornings, de Blanca Cendán e Suso Alonso, e da poesía expandida de (Retro)visor, de Antía Otero e Isaac Garabatos, chega este mércores a compañía galega Lagarta, Lagarta coa obra O país do Pato Donald, con Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dirixidos por Xulio Lago.

As funcións serán do mércores 16 ao domingo 20 e do mércores 23 ao domingo 27 de outubro, ás 20:30 horas, excepto os domingos, que serán ás 19:30 horas. As entradas están á venda a 8 e 6 euros (mércores e xoves día do espectador).

O país do Pato Donald é unha reflexión profunda sobre a derradeira estación da vida dun profesor de literatura que vive os seus últimos días a cabalo entre a realidade e as lembranzas dunha vida anterior moito máis rica e idealizada. Un espectáculo onde todos nos podemos identificar e no que todo sabe a "verdade".

O espectáculo conta coa interpretación dos actores Ernesto Chao e Rosa Álvarez, que aspiran a traspasar as emocións dos personaxes ao público dun xeito real e auténtico.

Lagarta, Lagarta é unha compañía galega de teatro fundada en 2001 por Ernesto Chao e Rosa Álvarez. Non conta cun cadro fixo de profesionais. Algúns dos espectáculos que representaron foron As últimas lúas, Aeroplanos, O segredo dos Hoffman ou Unha hora na vida de Stefan Zweig.

Compartir: