ALCALDÍA

O alcalde expresa "a gratitude, a consideración e o afecto" da cidade aos colectivos que participaron no operativo de emerxencia do accidente de Angrois

15/10/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu un acto de recoñecemento aos colectivos municipais que participaron no operativo de emerxencia e atención ás vítimas e familiares do accidente do tren Alvia do 24 de xullo.

Ángel Currás reiterou "a gratitude, a consideración e o afecto das xentes desta cidade e da Corporación" aos colectivos e persoas individuais que participaron no operativo de emerxencia e de atención a vítimas e familiares. Valorou o seu "traballo sen límites" e "esforzo sobrehumano", que contribuíu a "estañar feridas físicas e psicolóxicas e a restar bágoas e pena".

Protección Civil, Bombeiros, Policía Municipal, psicólogos da UMAD, traballadores de Servizos Sociais e do CERSIA, voluntarios... A todos eles considerou "obrigado" expresarlles o agradecemento municipal e cidadán. Así, e a propósito deste último, o alcalde lembrou as palabras de agradecemento que lle transmitiron recentemente a Corporación e os cidadáns de San Fernando no acto de outorgamento da Medalla desta vila gaditana aos veciños de Angrois.

No seu discurso, o rexedor cultural apuntou que "unha capital ou cidade éo con maiúsculas por motivos culturais, empresariais ou institucionais. Pero tamén o é cando ante una catástrofe reacciona de maneira inmediata, ordenada e eficaz dos seus colectivos profesionais, e tamén de voluntarios". Por iso, emprazou aos colectivos representados no salón nobre de Raxoi a sentirse "orgullosos e orgullosas de desempeñar unha profesión que en calquera dos/as que hoxe nos acompañan identificamos co auxilio e axuda aos demais, especialmente en momentos nos que a fatalidade sobrevén adquirindo unhas dimensións tráxicas ou dantescas.

En representación destes colectivos, o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, destacou a "eficacia" do operativo de emerxencia, malia ser unha situación totalmente nova e diferente para a maioría das persoas que participaron no devandito dispositivo. Neste sentido, valorou a organización do espazo e a adecuación de itinerarios de entrada e saída, que "permitiu a evacuación duns 150 feridos en pouco máis de dúas horas".

Tamén incidiu nese balance o responsable dos Bombeiros, José Ramón Sánchez, lembrando que "as primeiras horas son cruciais" neste tipo de sinistros. "Sempre se poden facer mellor as cousas, pero se non fixemos máis, seguramente foi porque non se puido facer máis", dixo, mostrándose "orgulloso polos efectivos de emerxencias que ten Santiago".

Medalla aos veciños e parque
Os actos de recoñecemento continuarán no mes de novembro, cando se entregará aos veciños da parroquia de Angrois a Medalla de Ouro da cidade. Ademais, queda pendente a cerimonia pola que se dedicará un parque de Fontiñas á memoria deste accidente e aos que participaron en todo o operativo de emerxencia e atención.

O alcalde anunciou que manterá a vindeira semana unha reunión co artista que realizará a escultura que presidirá este parque, a fin de "definir a proposta escultórica". En calquera caso, indicou, precisaranse catro ou cinco meses para que a obra estea rematada.

Compartir: